Abraham Cupeiro continúa na primavera de 2026 cunha xira entre grandes formatos sinfónicos, estreas patrimoniais e concertos íntimos

Abraham Cupeiro afronta os meses de marzo e abril cun calendario no que conviven distintas dimensións do seu proxecto artístico: grandes producións sinfónicas, propostas pensadas para espazos patrimoniais e a continuidade dun repertorio que leva anos ampliando a idea do que pode ser un concerto arredor dos instrumentos históricos.

O músico lucense, coñecido polo seu traballo de recuperación sonora e pola construción de instrumentos antigos, mantén unha traxectoria singular dentro da música galega e estatal. Especialista no karnyx, trompeta celta da Idade do Ferro, e impulsor da corna galega, Cupeiro leva tempo construíndo un discurso propio no que dialogan arqueoloxía sonora, composición contemporánea e divulgación musical.

A súa xira de primavera arrincará o 20 de marzo en Auditorio Barañain, en Pamplona, onde presentará Pangea acompañado pola Orquesta Sinfónica de Navarra, unha das súas propostas máis ambiciosas, construída para dialogar coa orquestra a partir de instrumentos recuperados e recreados por el mesmo.

Unha semana despois chegará un dos momentos centrais desta nova etapa: a estrea de Ao son de Santa María de Vilabade, unha proposta concibida especificamente para a Igrexa de Santa María de Vilabade, en Castroverde. Serán dúas xornadas, os días 28 e 29 de marzo, con dobre pase cada día, nas que o formato íntimo de cuarteto de corda buscará aproveitar a acústica e a dimensión simbólica do espazo. No concerto do día 28 participará Laura LaMontagne, mentres que o día 29 estará presente Fillas de Cassandra. Nas dúas sesións acompañará tamén o cantante norirlandés Mathew Ward, ampliando o carácter coral dunha proposta pensada dende o diálogo entre voces, pedra e memoria sonora.

Abril abrirase con novas presentacións internacionais de Pangea en Portugal, os días 11 e 12, antes de retomar Loira nun dobre peche en Teatro Bergidum o 18 de abril e en Teatros del Canal o día 19.

Loira consolidouse nos últimos meses como unha das propostas máis celebradas de Cupeiro, cun percorrido por auditorios galegos no que o músico afondou nunha relación directa entre paisaxe, raíz e emoción, sempre dende unha linguaxe sonora moi persoal.

Ao longo destes anos, Abraham Cupeiro foi ampliando o seu campo de acción máis alá do concerto convencional: colaborou con formacións como a Orquesta Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, a Mahler Chamber Orchestra ou a Royal Philharmonic Orchestra, ademais de participar en proxectos vinculados a nomes como Steven Spielberg, Hans Zimmer e Harry Gregson-Williams.

O que permanece en todas esas escalas é unha mesma idea: facer que instrumentos doutros séculos soen no presente sen convertelos nunha peza de museo, abrindo espazos onde patrimonio, creación e escoita compartida seguen encontrándose.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *