A primavera volverá traer a Vigo unha desas programacións que sitúan a escoita nun territorio pouco frecuente dentro do calendario habitual de concertos. O ciclo Sinsal Primavera, promovido por Sinsalaudio co apoio do Concello de Vigo, confirmou dúas novas citas para abril e maio que conectan a cidade con dúas propostas internacionais de forte personalidade sonora.
A primeira delas terá lugar o 1 de abril no Museo MARCO, onde Water Damage ofrecerá a súa única actuación en España dentro da actual xira mundial. O colectivo estadounidense chega cunha proposta construída a partir de drons, repetición e capas de son en tensión continua, nun directo que traballa a vibración como materia principal. A actuación comezará ás 20.30 horas, con apertura de portas media hora antes.
Xa en maio, o 3 de maio, será a quenda de Ólöf Arnalds, que actuará na Fundación Sales nun concerto ao mediodía que servirá tamén para presentar en España Spíra, o seu novo disco publicado en decembro. A artista islandesa, unha das voces máis recoñecibles da música contemporánea do seu país, chega acompañada por Skúli Sverrisson, músico e produtor cunha traxectoria ligada a nomes como Lou Reed ou Jóhann Jóhannsson. O formato en dúo permitirá percibir con máis claridade ese equilibrio que Arnalds leva anos traballando entre tradición oral, delicadeza melódica e pequenas fugas cara á experimentación.
O ciclo mantén así unha identidade moi definida: traer a Vigo proxectos que raramente forman parte dos circuítos máis previsibles e que colocan o público diante doutras formas de atención. Nun contexto no que moita programación tende a repetirse, Sinsal segue reservando un espazo para propostas que esixen tempo, curiosidade e certa disposición a deixarse sorprender.
As entradas xa están dispoñibles en sinsal.gal desde 15 euros en venda anticipada. Na billeteira pasarán a custar 18 euros, mentres que no concerto de Ólöf Arnalds haberá tamén un cupo reducido para menores de 17 anos por 5 euros.

