Arrhythmia abre nova etapa con CERØ

A banda lucense Arrhythmia publica CERØ, un novo EP de cinco temas no que reforza a súa personalidade sonora e leva un pouco máis lonxe a mestura que leva anos definindo o seu percorrido, a través do metal alternativo, o metalcore, a electrónica e unha vontade constante de levar o seu son a un nivel de precisión que dialoga sen complexos coas producións máis sólidas do metal contemporáneo internacional.

O novo traballo, editado por Galunk Producións, chega despois dun ano de elaboración pausada, cun proceso máis minucioso do habitual e cunha intención clara de revisar o que é Arrhythmia hoxe sen romper co que a banda xa construíu. Esa pausa percíbese nun disco compacto como conxunto. Precisamente é na produción onde máis se percibe ese salto: CERØ soa cunha contundencia e unha definición pouco habituais, cun acabado moi coidado que multiplica o impacto de cada detalle.

A formación lucense, recoñecida nos Premios Martín Códax da Música en distintas etapas da súa traxectoria, mantén aquí a contundencia como eixo principal, pero introduce novas texturas que amplían o seu radio expresivo. CERØ deixa ver unha banda que segue confiando na distorsión como ferramenta de choque, aínda que tamén busca contraste, atmosfera e unha relación máis precisa entre agresividade e melodía.

O EP está formado por cinco cortes: Insaciables, coa colaboración de Rebeliom do Inframundo; MesIAs; Amnesia; Agonía, xunto a Grande Amore; e Euforia. O conxunto móvese entre a mirada crítica e a carga emocional, combinando letras conectadas con temáticas sociais con outras máis volcadas cara ao desgaste interior e a introspección persoal.

A dimensión lírica volve ser unha das columnas centrais de Arrhythmia. Hai unha lectura moi clara dos tempos actuais, atravesada pola dificultade de convivir cun sistema que impón ritmos, medos e formas de dependencia cada vez máis naturalizadas. Nese percorrido aparece tamén unha crítica moi visible ao papel que ocupan hoxe as redes sociais, aos novos líderes de opinión que captan atención de maneira constante e á forma en que ese fluxo permanente de estímulos acaba converténdose nun engrenaxe máis dunha estrutura que desgasta, condiciona e absorbe.

Como última carta de presentación do EP sae Agonía, tema escollido como focus track e acompañado dun videoclip, baixo a dirección de Álvaro Barreiro. A presenza de Nuno Pico (Grande Amore) encaixa perfectamente co ton da composición. Un «chute» de matices industriais e voces metalizadas que acelera o pulso de calquera.

A primeira posta en escena desta nova etapa terá lugar no festival A Candeloria, o sábado 11 de abril en Lugo, nun contexto especialmente propicio para medir como estas novas cancións medran en directo.

En CERØ vemos a fame dunha banda que sostense baixo moita profesionalidade, mantendo unha lectura do presente e unha idea moi clara de identidade. Un disco breve, directo e construído cunha ambición evidente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *