O proxecto de Zavala xa deixou escoitar “Charly”, o segundo adianto do seu terceiro LP, Lume, un traballo que verá a luz a través de Ferror Records e que abre unha nova etapa conceptual arredor da triloxía Os Camiños da Vida, inspirada na pegada literaria e simbólica de Ramón Otero Pedrayo.
“Charly” nace cun detalle de partida moi recoñecible: o uso dun sample do baixo de Demoliendo hoteles del disco Piano Bar (1984) de Charly García, tomado como impulso inicial para esta composición. Esa referencia convértese aquí nunha sorte de motor rítmico que empurra a canción cara a unha vertixe electrónica moi marcada, cunha produción seca, directa e con tensión constante.
Sobre esa base, Zavala constrúe un texto afiado, atento ao contexto inmediato e á maneira en que o presente se infiltra tamén nas cancións. Hai unha vontade de comentario, de observar o momento actual sen perder pegada melódica nin capacidade de impacto, algo que parece atravesar boa parte do universo de Lume.
Na gravación aparece tamén a presenza de As Atalaias de Caión, que rematan por introducir —case por azar— as palabras que acaba funcionando como eixo do retrouso e que lle dá ao tema un punto máis de forza.
“Charly” xa está dispoñible en plataformas dixitais e deixa entrever un disco que parece avanzar cara a unha linguaxe máis cortante, onde a electrónica actúa como estrutura de choque. Un movemento que encaixa coa evolución recente de Zavala e coa vontade de seguir abrindo camiños propios dentro da creación galega actual.

