JET estrearase en Galicia da man do Underfest Xacobeo cun concerto en Santiago este verán

A novena edición de Underfest Xacobeo segue collendo forma e suma un novo nome internacional ao seu percorrido de 2026: Jet ofrecerá o seu primeiro concerto en Galicia o vindeiro 22 de xullo en Santiago de Compostela, dentro do ciclo Bites, a liña expandida coa que o festival leva parte da súa programación a distintos puntos do país.

A chegada da banda australiana supón unha desas citas pouco habituais que permiten ver en formato próximo un grupo que marcou con forza o rock dos anos dous mil. Dende Melbourne, Jet acadou unha proxección internacional fulgurante en 2003 co álbum Get Born, un debut que colocou temas como Are You Gonna Be My Girl, Rollover DJ ou Cold Hard Bitch entre os grandes himnos dunha xeración que volvía mirar cara ao rock máis directo, eléctrico e inmediato.

A súa proposta conectou axiña cunha fórmula de guitarras afiadas, melodías recoñecibles e unha enerxía moi eficaz en directo. Ese impulso inicial consolidouse con millóns de discos vendidos e unha presenza continuada nos grandes escenarios internacionais. O seguinte traballo, Shine On, mantivo esa liña e ampliou repertorio con cancións como Put Your Money Where Your Mouth Is ou Bring It On Back, reforzando unha carreira que soubo manterse nun contexto no que o revival do rock tamén era un fenómeno global moi explotado pola industria.

Despois dun longo parón, a banda retomou actividade coincidindo co vinte aniversario de Get Born, recuperando en directo o disco completo e revisitando o repertorio que os situou no mapa internacional. Ese regreso tamén coincidiu coa súa entrada no ARIA Hall of Fame, recoñecemento á pegada que deixaron na música australiana contemporánea.

Nos últimos meses, Jet volveu pisar escenarios de grande formato compartindo cartel con Lenny Kravitz e participando en festivais como NOS Alive ou Mad Cool Festival. O concerto en Santiago ofrecerá agora unha dimensión distinta, cun aforo máis recollido e a posibilidade de escoitar esas cancións nun formato máis próximo, unha das marcas que mellor define o proxecto de Underfest.

O festival xa abrira esta edición cun concerto de Jeff Tweedy na Coruña, e continúa así unha programación que volve insistir en nomes consolidados, espazos coidados e unha relación máis directa entre artista e público.

As entradas xa están dispoñibles en venda anticipada, cun prezo reducido para quen xa teña o abono completo desta edición. O festival, que nas súas oito edicións anteriores reuniu máis de 150 artistas, mantén unha personalidade singular dentro do calendario galego, afastada de programacións previsibles e máis centrada en construír unha experiencia musical con identidade propia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *