Tanxugueiras abren nova etapa con “chorar, chorei”, primeiro adianto do disco O Cuarto

Tanxugueiras inicia unha nova etapa creativa co lanzamento de “chorar, chorei”, o primeiro adianto de O Cuarto, o disco co que celebrará dez anos de traxectoria e que marcará tamén o seu regreso aos escenarios cun concerto de grande formato o próximo 17 de outubro no Coliseum da Coruña.

A nova canción sitúa o grupo nun momento de maior depuración sonora e conceptual. Despois do impacto masivo acadado nos últimos anos, o trío continúa a mirar cara á matriz do folclore galego incorporando melodías recoñecibles da tradición oral dentro dunha estrutura electrónica na que a percusión tradicional atópase sostendo a tensión. Nesta ocasión, a presenza das pandeireteiras Lina e Lola funciona tamén como fío de unión coa raíz que sostén o proxecto dende os seus inicios.

Na produción aparecen dous nomes xa próximos ao universo recente do grupo: Iago Pico e Gabi Fernández, responsables dunha instrumentalización menos industrial que en Diluvio, e aportando ritmos bailables a unha canción que pivota en todo o momento sobre elementos da música tradicional.

“chorar, chorei” formula ese tránsito emocional a través dunha escrita que conecta co mar, coas lembranzas e coa idea do pranto como proceso de reparación. A peza traballa a vulnerabilidade sen perder forza expresiva e deixa entrever unha vontade clara de transformar experiencias recentes en materia artística dende un lugar máis interior.

O videoclip, dirixido por Santa Mónica, reforza esa lectura ao converter o cuarto nun espazo físico e simbólico, entre a intimidade e o ritual, acompañando visualmente un lanzamento que xa deixa ver parte do ton xeral do novo disco. Nel vemos planos fixo de Sabela, Olaia e Aida,compartindo e comendo o seu propio pastel, unha imaxe aberta a múltiples lecturas, por un lado ós movementos discográficos que se produciron a nivel da xestión do proxecto, pero lóxicamente tamén como guiño a esa celebración dos 10 anos.

Despois de catro anos sen publicar un novo longa duración, O Cuarto perfílase como o traballo máis persoal e conceptual da súa discografía, unha obra construída dende a pausa e dende a necesidade de repensar o vivido. Nun momento no que a música de raíz vive novas reformulacións, Tanxugueiras continúa ocupando un lugar central nesa conversa, mantendo o galego como eixo e abrindo unha nova década cun discurso máis consciente do propio camiño.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *