O universo visual de Fillas de Cassandra triunfa nos Mestre Mateo: ‘Hibernarse. O videofilme’, mellor videoclip do ano

O proxecto de Fillas de Cassandra segue medrando tamén dende o visual. Esta fin de semana, o dúo vigués levou o Premio Mestre Mateo ao mellor videoclip por ‘Hibernarse. O videofilme’, unha peza que consolidou a súa maneira de entender a música como algo expandido, onde son, imaxe e concepto avanzaron da man.

O recoñecemento da Academia Galega do Audiovisual chega poucos meses despois de que o videofilme xa fose premiado nos I Premios da Industria Musical de Galicia, reforzando a idea que nos atopamos cun proxecto construído con intención, coidado e unha forte carga simbólica.

Dirixido polas propias María SOA e Sara Faro xunto a Santi Iglesias e Sergio ‘Steel’, o videofilme funciona como unha porta de entrada ao universo Hibernarse. Un espazo que se expande cara ao físico e ao artesanal a través dun fanzine, pezas de xoiería ou elementos de deseño que acompañan o imaxinario do EP.

A peza sitúanos nun taller de costura, lugar dende o que comeza a tecerse —literal e metaforicamente— a identidade do proxecto. A partir de aí, a narrativa medra cara a outros espazos compartidos, nos que participan tamén artistas como Caamaño&Ameixeiras ou intérpretes como Pedro Galocha e Brais Ferpo. Todo iso constrúe unha obra coral onde o colectivo e o coidado ocupan un lugar central.

Hai unha vontade clara de reivindicar o feito a man, o tempo lento e o valor das redes creativas. Percíbese no traballo de dirección de arte e vestiario de Lara Caeiro, nas pezas de deseñadoras como Lidia Agra ou 666Leira, ou na delicadeza das xoias de vidro de Silvia Calvo. Cada elemento suma textura a un relato que entende a cultura como un espazo de relación e resistencia.

Neste sentido, ‘Hibernarse. O videofilme’ funciona como algo máis que unha peza audiovisual: é unha forma de posicionarse fronte a dinámicas máis industriais, apostando por procesos onde a identidade non se dilúe, senón que se constrúe con coherencia.

‘Tertúlia’ segue collendo forma

Mentres este recoñecemento amplifica o impacto de Hibernarse, Fillas de Cassandra continúan avanzando no seu seguinte capítulo. O vindeiro venres 27 publicarán ‘déixate ver’, terceiro adianto do álbum Tertúlia, no que colaboran con Ede.

A canción sitúa o foco no espazo público como lugar de encontro entre amigas, prolongando unha das liñas que atravesan o proxecto: a importancia dos vínculos, do colectivo e das experiencias compartidas.

O disco, producido xunto a Çantamarta, verá a luz en abril e terá a súa presentación o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra. Un novo paso para un proxecto que segue medrando sen perder o centro, expandindo a súa linguaxe e abrindo camiños propios dentro da escena.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *