De Ninghures e Galician Army atopan un punto de encontro entre tradición e presente en ‘Regueifa Maldita’, unha peza que activa a memoria popular galega dende un lugar novo, máis próximo ao club ca á praza, pero sen perder o pulso comunitario que define a regueifa. O tema, xa dispoñible en plataformas, funciona como un duelo verbal contemporáneo no que cada verso empurra cara adiante, sostido por unha base que bebe do drum and bass noventeiro e se entrelaza con melodías tradicionais.
Hai algo moi revelador na forma en que a canción se constrúe a partir dunha tonada recollida á Queixeira de Verdillo. Esa voz, esa cadencia, convértense nunha especie de raíz viva que non se conserva en formol, senón que se activa, se retorce e se proxecta cara a outro contexto sonoro. A isto súmase tamén unha melodía do gaiteiro Marentes, ampliando ese diálogo entre xeracións e territorios musicais.
A propia idea da regueifa atravesa todo o tema. Non só como xénero oral, senón como práctica social. Nese espazo de tensión e celebración onde se pon en xogo a palabra e o lugar que ocupamos. A frase “botade a regueifa fóra, non deixedes de berrar” funciona case como unha invitación a participar, a tomar a palabra e a entrar no xogo.
No videoclip, esa tensión simbólica leva un paso máis alá. O camarín —ese espazo asociado á tradición e á representación— remata estoupando, abrindo unha imaxe que suxire transformación máis que ruptura.
Esta colaboración reforza a idea de que a música de raíz segue tendo capacidade para dialogar co presente cando se entende como algo vivo.

