Enrique Bunbury actuará na Coruña cunha das únicas catro datas estatais da súa nova xira

Enrique Bunbury regresará a Galicia o vindeiro 10 de decembro de 2026 cun concerto no Coliseum da Coruña dentro de “Nuevas Mutaciones Tour 2026”, unha xira internacional especialmente selectiva no seu paso polo Estado. Madrid, Valencia, Zaragoza e A Coruña serán as únicas cidades españolas incluídas nun percorrido que chegará acompañado por unha formación de dez músicos e un novo espectáculo construído arredor da súa etapa creativa máis recente.

O concerto coruñés convértese así nunha das poucas oportunidades de ver a Bunbury en directo en gran formato durante este ano. Unha decisión que tamén fala do momento actual do artista: menos datas, formatos máis traballados e unha aposta clara por transformar cada actuación nunha experiencia máis orgánica e musical, afastada da lóxica das xiras interminables que tantas veces domina a industria dos grandes recintos.

A xira chega tras a publicación de De un siglo anterior, o novo disco editado o pasado 17 de abril e gravado no Desierto de los Leones (México), baixo a produción do propio Bunbury xunto a Ramón Gacías. O traballo afonda nas conexións entre os ritmos latinoamericanos e diferentes linguaxes contemporáneas, nun momento no que moitos artistas veteranos parecen máis preocupados por replicar fórmulas coñecidas que por seguir expandindo o seu universo sonoro. Bunbury continúa movéndose dende a curiosidade e a exploración musical.

Ese espírito tamén estará presente no directo, acompañado por unha banda ampla e moi enfocada na riqueza instrumental, con nomes como Ana Belén Estaje no violín, José Miguel Pérez Sagaste ao saxo e acordeón ou Jorge “Rebe” Rebenaque ao piano e Hammond. Un formato que reforza a idea dun concerto máis próximo á interpretación colectiva e ao detalle musical ca ao simple repaso automático de éxitos.

Con máis de tres décadas de traxectoria, dende a súa etapa en Héroes del Silencio ata a súa consolidación en solitario, Bunbury segue ocupando un lugar singular dentro do rock iberoamericano. A súa carreira construíuse precisamente sobre esa capacidade para mutar sen perder identidade, atravesando folk, rock, electrónica, canción latinoamericana ou cabaret sen converter nunca a evolución nun simple exercicio estético.

As entradas para o concerto da Coruña xa están dispoñibles na web oficial do artista e en Ticketmaster.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *