Arrhythmia anuncia as primeiras datas da xira de salas de CERØ, un paso cara ao directo máis cru e próximo da banda

Arrhythmia acaba de anunciar as primeiras datas da súa nova xira de salas arredor de CERØ, confirmando o momento de consolidación dunha das propostas máis intensas e contundentes do metal alternativo galego actual. A banda pasará pola Sala Masterclub de Vigo o 16 de outubro, pola Sala Malavida da Coruña o 21 de novembro e pola Sala Clavicémbalo de Lugo o 18 de decembro.

Arrhythmia aposta por levar o seu universo a espazos máis pequenos e inmersivos. A propia banda definiu estes concertos como actuacións “diferentes aos de festival para vivilos con vós de preto”.

A xira servirá, tralo paso por diversos festivais, como carta de presentación de CERØ, un traballo que continúa afondando nesa mestura de metal moderno, electrónica, escuridade estética e pulsión emocional que caracteriza o proxecto. Un son que bebe tanto do impacto visual e conceptual das escenas contemporáneas como dunha necesidade moi visceral de canalizar rabia, ansiedade e enerxía.

Arrhythmia segue apostando polo concepto de grupo, pola construción dunha identidade sólida e pola experiencia do directo como espazo central da súa proposta. E precisamente as salas parecen o lugar ideal para entender todo iso sen filtros nin distancia.

As entradas xa están dispoñibles.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *