A sexta edición de Noites do Porto xa ten o seu primeiro nome confirmado. O festival coruñés contará co artista estadounidense Curtis Harding, que actuará o vindeiro 30 de xuño na sala Inn Club dentro da cápsula ‘Noites nas salas’. Trátase da única data en Galicia dunha xira que só pasará por tres cidades do Estado.
O evento, organizado por MASGALICIA, celebrarase do 22 de xuño ao 5 de xullo e adianta a súa celebración no calendario para situarse como a primeira gran cita musical do verán na cidade. A organización mantén a súa aposta por un formato afastado dos macroeventos, priorizando a proximidade das salas, a exclusividade e unha programación centrada na identidade artística.
Curtis Harding chegará á Coruña para presentar o seu último traballo, Departures & Arrivals: Adventures of Captain Curt, publicado en setembro. O disco, de carácter conceptual, combina elementos do soul clásico con funk espacial, pop barroco e psicodelia, a través dunha narrativa que segue a viaxe dun piloto perdido no espazo.
O músico, con raíces no gospel e unha traxectoria vinculada a proxectos como Outkast ou Cee Lo Green, consolidouse como unha das voces destacadas do soul contemporáneo. A súa proposta encaixa coa liña curatorial de Noites do Porto, que nos próximos días anunciará novos nomes e ampliará os espazos e contidos da programación.
As entradas para o concerto de Curtis Harding xa están dispoñibles a través das plataformas Ataquilla e Ticketmaster.

