MoOoM presenta AtlánticA, un diálogo entre tradición galega e electrónica dende a memoria migrante

O proxecto MoOoM publica AtlánticA (Ferror Records, 2026), un traballo que se constrúe como unha paisaxe sonora onde a tradición oral galega convive coa electrónica contemporánea. O álbum, cocreado por Ciara Cabodevila, Carlo Jurancelli e Facundo Fernández Alberdi, articúlase como un proceso de investigación e creación colectiva no que o ritual e o club entrelázanse nun mesmo plano.

Definido como “foltrónica tradicional”, AtlánticA parte de materiais sonoros vinculados ao arquivo e á transmisión oral —gravacións antigas, instrumentos tradicionais ou referencias como a zanfona de Santalices— e lévaos a un terreo híbrido a través do uso de sintetizadores modulares e técnicas de sampleado. O resultado sitúase nun espazo intermedio entre o ancestral e o contemporáneo, cunha identidade aberta que convida á exploración máis que á definición pechada.

O disco nace en Barcelona como punto de encontro vital e creativo dos seus integrantes, marcados por experiencias migratorias entre Galicia e América Latina. Esa condición atravesa o proxecto de principio a fin, tanto na súa dimensión sonora como no relato que o sostén. AtlánticA formula preguntas arredor dos procesos de transformación cultural. A música convértese así nun espazo de reconexión coa raíz, entendido tamén como un exercicio de sanación tras o impacto da pandemia.

A formación de Ciara Cabodevila como historiadora da arte deixa pegada nun traballo que dialoga co pasado dende unha perspectiva contemporánea e situada. A reflexión sobre a migración galega —histórica e presente— articúlase como un fío que conecta experiencias persoais co relato colectivo, reforzando a idea de Galicia como territorio en constante movemento.

Estruturado en nove pezas, o álbum combina o núcleo conceptual inicial con colaboracións que amplían o seu alcance atlántico. Entre elas destacan a presenza do produtor colombiano KAJHA xunto ao artista xamaicano SKARRA MUCCI, ou a achega de Sonido San-Francisco, nunha apertura cara a outras tradicións musicais que dialogan coa raíz galega dende a distancia.

AtlánticA propón, en última instancia, unha escoita que vai máis alá do musical. Un exercicio de pertenza que entende a tradición como algo vivo, en tránsito constante, e que sitúa a cultura galega nun mapa máis amplo onde as conexións, moitas veces invisibles, seguen a construírse de beira a beira do océano.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *