Sinsal SON Estrella Galicia 2026 esténdese entre San Simón, Vigo e o Camiño Portugués cun formato en dúas fins de semana

Sinsal SON Estrella Galicia amplía o seu formato en 2026 cunha edición que se desenvolverá por vez primeira ao longo de dúas fins de semana consecutivas. O festival terá lugar do 24 ao 26 de xullo na illa de San Simón, sumando actividades na cidade de Vigo e continuará do 31 de xullo ao 2 de agosto na cidade olívica e noutras localidades vinculadas ao Camiño Portugués, configurando un percorrido que conecta música, territorio e desprazamento.

A illa de San Simón seguirá sendo o eixo central do proxecto, mantendo o seu característico cartel secreto. Dende 2010, este espazo acolleu quince edicións polas que pasaron máis de 30.000 persoas, consolidándose como unha proposta que combina creación contemporánea con divulgación do patrimonio histórico e natural. A experiencia do festival continúa así ligada á memoria dun lugar marcado por diferentes capas históricas, dende o seu pasado como lazareto ata o seu uso como campo de concentración.

A principal novidade desta edición é a súa expansión cara novos espazos. O festival levará a súa programación a Vigo e ao Camiño Portugués, reforzando o vínculo con Portugal, tanto pola presenza habitual de artistas do país como pola asistencia de público procedente do outro lado da fronteira. A maior parte desta programación desenvolverase entre o 31 de xullo e o 2 de agosto, aínda que haberá actividades xa dende a mañá do venres 24.

Recoñecido en 2026 pola Fundación Contemporánea como unha das mellores iniciativas culturais do Estado —sendo o único evento galego presente no top 10— e tamén premiado pola AGEM nos primeiros premios da industria galega, Sinsal manterá unha liña artística baseada na diversidade estilística, o impulso de proxectos liderados por mulleres e a presentación de novas propostas en Galicia e no conxunto do Estado.

Impulsado por Sinsalaudio, o festival continúa a funcionar como plataforma de visibilización da creación musical contemporánea a nivel galego, estatal e internacional, incorporando tamén actividades paralelas centradas na memoria, a sostibilidade e a recuperación de arquivos sonoros a través da Escola Sinsal. Un modelo que, ano tras ano, esgota entradas en poucas horas e que en 2026 dá un paso máis na súa evolución expandindo o seu mapa sen perder a súa identidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *