A XVIII edición dos Premios MIN, celebrada no Gran Teatro de Córdoba, deixou unha fotografía clara do momento que atravesa a música galega: diversidade con electrónica, pop e tradición, e unha presenza cada vez máis sólida dentro da industria independente estatal.
A noite tivo dous nomes propios que marcaron o ritmo da gala, Carlos Ares e Valeria Castro, ambos convertidos nos grandes triunfadores con tres galardóns cada un. No caso do artista galego, os premios a Mellor Álbum do Ano e Mellor Álbum de Pop por La boca del lobo, xunto ao de Mellor Directo. Un triplete que fala tanto do impacto do disco como da súa capacidade para trasladalo ao escenario, un terreo onde moitas propostas quedan a medio camiño.
Nun plano diferente, pero igual de significativo, o recoñecemento a De Ninghures como Mellor Álbum en Galego. O seu traballo, acompañado por Tremendo Audiovisual, consolida unha vía onde tradición e contemporaneidade dialogan sen complexos, deixando a Feira con varios galardóns ó longo do ano, recoñecéndoo como o mellor disco galego do ano.
Nesa mesma liña de coidado estético e conceptual sitúase o premio á Mellor Produción Musical para Baiuca xunto a Izaro, co traballo desenvolvido por Raso Estudio. Máis alá do recoñecemento, o relevante aquí é como a produción pasa a ocupar un lugar central no discurso artístico. No caso de Baiuca, esa construción sonora leva anos abrindo camiño para entender a electrónica dende unha raíz galega contemporánea.
A industria independente, cos seus premios e recoñecementos, segue funcionando como escaparate, pero tamén como termómetro. E o que marca Galicia neste momento é unha escena que medra dende dentro, con proxectos que buscan redefinir o espazo no que xogan.
Nun contexto onde o recoñecemento adoita concentrarse en dinámicas máis centralizadas, a presenza galega nos MIN 2026 deixa algo máis que premios: deixa unha sensación de movemento, de proceso aberto e de escena que xa non pide paso, senón que ocupa lugar.

