Fillas de Cassandra abren un novo capítulo con ‘Tertúlia’ e a súa idea de comunidade

O 24 de abril queda sinalado como un novo capítulo para Fillas de Cassandra. Ese día verá a luz Tertúlia, o seu segundo LP, un traballo que expande o seu universo e sitúa a escoita como un lugar de encontro.

María SOA e Sara Faro continúan afondando nunha linguaxe propia onde conviven o orgánico e o electrónico. A produción, desenvolvida xunto a Çantamarta, reforza ese camiño con texturas que van dende o ritmo fragmentado ata paisaxes máis abertas, sempre conectadas coa idea de comunidade que atravesa o proxecto.

As doce cancións funcionan como un espazo no que a escoita implica presenza e relación. Desa ducia xa se coñecen ‘saír á fresca’, ‘insolación’ e ‘déixate ver’, esta última xunto a Ede, unha peza que se achega á memoria e á importancia dos espazos colectivos.

A portada introduce outra capa de lectura. Doce cadeiras dispostas en círculo propoñen unha imaxe que conecta coas prácticas cotiás de encontro e transmisión. O traballo visual, desenvolvido xunto a Arancha Brandón, Kika V. Ramil e o colectivo As dúas e punto, leva a música cara ao terreo da materia e da forma, convidando a imaxinar as cancións como corpos habitables.

Esa idea trasládase tamén ao espazo expositivo. Os días 7 e 8 de abril, a Fundación Granell acollerá unha instalación que permitirá preescoitar o disco a través das propias cadeiras. Cada peza activa unha relación distinta coa escoita.

O percorrido continuará o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra, onde o dúo presentará o novo espectáculo. A proposta abre o formato de concerto cara a unha experiencia máis próxima á idea de praza.

Tertúlia vai medrando dende unha intuición clara. A música pode ser un espazo onde parar, ocupar e compartir tempo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *