A banda galega FILEBO chega desde A Cañiza cunha proposta que combina art rock, rock alternativo e post-punk, reivindicando o territorio, a identidade e a resistencia fronte ao abandono do rural. O grupo aposta por construír unha voz propia desde as marxes, poñendo no centro a experiencia de medrar lonxe dos grandes núcleos urbanos.
Formada por Adrián Riveiro, encargado da guitarra, o piano e a composición; Alexandre, á batería; e Emilio Nieto, ao baixo eléctrico, FILEBO desenvolve un universo artístico no que a contundencia instrumental convive cunha forte carga conceptual e narrativa. A súa música parte de referencias como Radiohead, Muse ou A Perfect Circle, mais incorpora tamén elementos rítmicos inspirados na tradición folklórica galega, “Buscamos reflectir os ritmos ternarios da música folklórica galega para conectar coa comunidade e reivindicar un territorio que merece ser escoitado”, explican os seus integrantes.
A banda preséntase como unha voz nacida do rural e do seu contexto. Nas súas cancións aparece a pegada do illamento, da incomprensión e dun certo sentimento de abandono, mais tamén a vontade de transformar esas vivencias nunha linguaxe artística contemporánea.
Entre os seus traballos publicados destacan temas como “Elpis o cómo vivir en las ruinas”, “Fue Sísifo, Feliz? e ****“Hierática o de lo impostor”, pezas nas que FILEBO explora cuestións sociais, filosóficas e persoais desde unha estética intensa, escura e expansiva.
Nesta ocasión son noticia porque relanzan a súa canción Hiperbóreos, pero nesta ocasión coa letra en galego na que procura e transmite un estado emocional de esgotamento, desorientación e búsqueda de esperanza. Un concepto que Nietzsche empregou para falar de quenes viven «máis alá» dos valores establecidos.
Con esta combinación de experimentación, compromiso e identidade, FILEBO sitúase como unha das propostas a seguir dentro do novo rock alternativo galego. O seu proxecto lembra que algunhas das voces máis singulares non nacen necesariamente nos grandes centros culturais, senón tamén neses espazos aos que a industria adoita mirar con menos atención, mais onde seguen agromando relatos, sons e formas de resistencia propias.

