Teenage Fanclub, Temples, Tiwayo e Howlin’ Jaws pasarán por Santiago este outono

Santiago de Compostela sumará este outono catro novas citas internacionais a unha axenda de concertos que volverá mirar con forza máis alá das nosas fronteiras. Teenage Fanclub, Temples, Tiwayo e Howlin’ Jaws pasarán pola capital galega entre outubro e novembro, todos eles inmersos na presentación de novos traballos discográficos.

A primeira parada chegará o 9 de outubro na Sala Capitol coa visita de Teenage Fanclub. A banda escocesa fará coincidir o concerto compostelán coa publicación de Do Not Dare To Dream, o seu décimo terceiro álbum de estudo e primeiro traballo desde Nothing Lasts Forever (2023).

Formados en Glasgow en 1989, Teenage Fanclub forman parte da historia do pop independente británico grazas a discos como Bandwagonesque, Grand Prix ou Songs From Northern Britain. Máis de tres décadas despois da súa aparición, continúan apoiándose nese equilibrio entre guitarras melódicas, harmonías vocais e unha maneira especialmente recoñecible de construír cancións.

O novo disco foi gravado nos Black Bay Studios da illa escocesa de Great Bernera e xa deixou como primeiro adianto “Day In The Sun”. Santiago será así unha das primeiras cidades nas que estas cancións poderán escoitarse en directo coa obra xa publicada.

Tiwayo e Howlin’ Jaws, a conexión francesa do Outono Códax

Novembro concentrará o resto das citas. O día 11, o Riquela Club recibirá a Tiwayo dentro da programación do Outono Códax Festival. O músico parisiense chegará con Outsider, publicado o pasado mes de abril e producido por Adrián Quesada, integrante de Black Pumas.

A voz grave de Tiwayo e unha música construída arredor do soul, o blues, o gospel e o folk converteron o francés nunha figura singular dentro da escena europea. Outsider profundiza nesa tradición desde unha produción contemporánea e amplía unha carreira marcada tamén polos anos que o artista pasou viaxando e actuando fóra de Francia.

A presenza francesa no Outono Códax continuará o 28 de novembro na Sala Capitol con Howlin’ Jaws. O trío parisiense presentará o seu terceiro álbum, previsto para este mesmo outono, despois de avanzar parte do seu novo son a través de “Troubled Mind” e “Living The Dream”.

Garage, psicodelia, power pop e rhythm & blues forman parte dunha proposta que atopou na intensidade do directo unha das súas principais armas. Para este novo disco traballaron en Gotemburgo xunto a Kalle Gustafsson Jerneholm, baixista de The Soundtrack of Our Lives. Na súa visita compostelá compartirán escenario con The Sadies e Terra Lightfoot.

Temples amplían a súa psicodelia

Entre ambas citas, o 16 de novembro, serán Temples quen ocupen a Sala Capitol dentro do ciclo Noites do Porto Recomenda. A banda británica presentará BLISS, quinto álbum da súa carreira, publicado en xuño a través de V2 Records.

O disco mantén a psicodelia que converteu o grupo de Kettering nun dos nomes máis recoñecibles da renovación do xénero no Reino Unido durante a última década, aínda que incorpora con maior decisión elementos procedentes da electrónica e da cultura de club de finais dos noventa e comezos dos dous mil.

Cancións como “Jet Stream Heart”, “Glimmer”, “Blue Flame” ou “Vendetta” amosan esa expansión dun vocabulario musical no que as guitarras conviven agora con loops, texturas electrónicas e unha produción máis aberta.

Con catro propostas de xeracións e procedencias sonoras diferentes repartidas en pouco máis de mes e medio, Santiago volverá exercer este outono como un dos principais puntos de entrada da música internacional en Galicia, cunha programación que combina nomes históricos, artistas en plena transformación e proxectos menos coñecidos que atopan nos ciclos e festivais de sala un espazo para chegar a novos públicos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *