Quince anos despois da súa publicación, Combo Dinamo recuperan Quieto, muere, resucita!!! e devolven ás plataformas dixitais un dos traballos máis destacados da súa traxectoria. O disco, gravado nos Estudios Abrigueiro e publicado orixinalmente en marzo de 2011, volve estar dispoñible grazas ao selo coruñés 10d10 Discos.
A recuperación chega ademais nun momento cargado de simbolismo. O pasado 12 de agosto cumpríronse quince anos da actuación de Combo Dinamo no Festival Noroeste Pop Rock, sobre a praia de Riazor, unha das citas que acompañaron a expansión da banda máis alá da escena coruñesa. Aquel concerto foi tamén lembrado na exposición Reversións Noroeste, organizada pola Asociación Nonito Pereira.
A historia de Combo Dinamo nace dunha transformación. Edgar No e Pablo Fidalgo foran fundadores de Los Mistakens, banda vinculada á escena sixties estatal, pero a evolución musical dos dous acabou reclamando un proxecto diferente. En 2007 iniciaron unha nova etapa xunto a Pablo Silva á batería, Juanjo Casteleiro á guitarra solista e Jose F. Cid nos teclados e sintetizadores.
Un ano despois publicaban Decencia y buen gusto a través do selo coruñés Wonderland Records. Editado en CD e nun característico vinilo rosa, aquel debut apostaba por un power pop acelerado e melódico que levou o grupo a actuar en diferentes puntos do Estado e a pasar por Los Conciertos de Radio 3.
Con Quieto, muere, resucita!!!, Combo Dinamo ampliaron ese vocabulario. O seu segundo longa duración contén once composicións propias e unha versión de Brian Eno como peche, cun deseño de portada realizado por Dani Bembibre, tamén guitarrista durante unha etapa de Los Mistakens. O disco recibiu unha boa acollida crítica e permitiu ao grupo participar en citas como PortAmérica e o Festival Noroeste, regresar a Los Conciertos de Radio 3 e actuar en espazos como a Sala Apolo de Barcelona.
Entre as súas cancións sobresae un tema inmediato como o que da título ao disco, pero sobre todo, “Causa perdida”, unha composición de máis de cinco minutos que co paso do tempo quedou como unha das pezas máis reivindicadas do repertorio da formación. O tema que dá nome ao disco tamén contou cun videoclip dirixido por Héctor Diéguez e rodado en Sober, Ourense.
A distancia xeográfica entre os integrantes e as dificultades para compatibilizar a banda coa vida persoal acabaron freando a continuidade de Combo Dinamo. Antes da súa despedida aínda publicarían varios sinxelos con caras B e un último traballo bautizado, con certa retranca, como EP nº 1.
Durante estes anos, Quieto, muere, resucita!!! permanecía fóra das plataformas por cuestións relacionadas co selo que o editara orixinalmente. 10d10 Discos recupera agora o álbum e garante novamente o seu acceso dixital, permitindo volver sobre unha banda que formou parte dunha etapa especialmente fértil do pop coruñés e comprobar como resisten, quince anos despois, aquelas cancións.

