A sala Mardi Gras celebra 27 anos como un dos grandes motores culturais da Coruña

A mítica sala de Monte Alto celebra o seu aniversario cun mes de concertos que reúne artistas locais, nacionais e internacionais, reivindicando o papel imprescindible dos pequenos escenarios na construción do tecido musical da cidade.

A sala Mardi Gras cumpre 27 anos este mes de novembro e, como xa é tradición, celebrarao cunha programación especial que volve poñer de manifesto a importancia dun dos espazos máis emblemáticos da música en directo da Coruña. Case tres décadas despois da súa apertura, a sala de Monte Alto continúa sendo un referente fundamental para comprender a actividade musical da cidade, mantendo unha identidade propia e unha aposta pola música en vivo que vai moito máis alá das tendencias comerciais.

Hoxe en día boa parte da conversación cultural parece xirar arredor dos grandes recintos, os macroconcertos e os eventos de carácter turístico/económico, sen embargo, espazos como Mardi Gras representan outra maneira de entender a música. Un modelo construído desde a proximidade, a constancia e a creación dunha comunidade arredor dos escenarios. A sala é, posiblemente, o recinto coruñés que máis concertos únicos programa ao longo do ano, permitindo que numerosas propostas de interese estatal e internacional inclúan A Coruña nas súas xiras e ofrecendo, ao mesmo tempo, un lugar imprescindible para o desenvolvemento da escena local.

Para celebrar os seus 27 anos, Mardi Gras preparou unha programación que arrancará o 31 de outubro coa actuación de Sex Museum, que xa esgotou as entradas e dará paso a unha festa de Halloween de acceso gratuíto a partir da unha da madrugada.

Durante novembro pasarán polo escenario artistas como Amparo Sánchez (4), Alejandro Astola (5), Guadalupe Plata (7), Levitants (13), Nashgul e Ruinas (20) ou Mojo Thunder (22). A dimensión internacional chegará tamén da man do pianista Henri Herbert (12), o dúo formado por Tess Liautaud e Jessie Shanks (10), procedentes de Nova Zelandia, e as cubanas Raquel Capote e Magaly Rodríguez (1).

A programación reservará igualmente espazo para outras expresións culturais. O 14 de novembro, a banda residente Exit recuperará o seu espectáculo especial dedicado a AC/DC despois de tres anos, mentres que o Festival Festigual celebrará unha das súas citas na sala o día 19, con Sophie Simonds e Feral Booty. Tamén haberá lugar para a comedia improvisada de Demogracia, o 25 de novembro, e unha nova sesión de Rock On Jam, o día 26.

Outro dos grandes atractivos será a dobre actuación de Merino, os días 27 e 28 de novembro, coa segunda data xa esgotada. O aniversario culminará o día 29 cunha nova cita do ciclo Elas son artistas, protagonizada por Ede no Teatro Colón.

A celebración conta tamén co apoio de SON Estrella Galicia, unha colaboración que contribúe a fortalecer o circuíto de salas e a manter viva unha programación musical diversa, estable e próxima ao público

Ademais, a sala organizará unha visita guiada para descubrir algúns dos recunchos e historias que acumula un espazo polo que pasaron centos de artistas ao longo destas case tres décadas, incluíndo músicos vinculados a The Rolling Stones, Leiva na súa etapa con Pereza ou Santiago Auserón.

Este aniversario chega tamén acompañado dun recoñecemento ao seu labor, xa que Mardi Gras figura entre as finalistas dos Premios Palco 2026 da industria musical galega, na categoría de Mellor Espazo Musical Galego, xunto á Rebullón e A Cofradía. A nominación serve para lembrar que o valor dunha sala non se limita á súa capacidade de convocatoria. Detrás de cada concerto existe un traballo de programación, produción e acompañamento artístico que resulta fundamental para manter un ecosistema musical diverso e sostible.

É verdade que nos gusta que A Coruña teña grandes concertos, pero aquí falamos de celebrar o patrimonio inmaterial que representan salas como Mardi Gras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *