De Ninghures pecha 2025 con dúas últimas “feiras”: A Fonsagrada e A Coruña despedirán o ano ao seu ritmo

O final do ano vai colle-lo pulso da terra: De Ninghures prepara dous encontros especiais para despedir 2025 levando Feira —un dos discos referenciais da música galega recente— aos escenarios da Fonsagrada e da Coruña.

O primeiro será o sábado 6 de decembro, ás 23.00 h, na décima edición da Foliada da Fonsagrada. Non é unha cita calquera: é o lugar onde naceu o proxecto, onde aquelas primeiras ideas de actualizar a tradición con frescura, humor e mestizaxe cultural comezaron a tomar forma. Alí compartirán noite con Baiuca, Melidaos e A Duendeneta, nun cartel que resume á perfección o momento expansivo que vive a música galega.

O segundo encontro será o sábado 20, ás 19.30 h, no Centro Ágora da Coruña, dentro do festival Por amor á palabra solidariedade, impulsado pola Asociación Veciñal da Agra do Orzán. Un espazo comunitario, de portas abertas, onde a banda actuará con entrada libre ata completar capacidade: a mellor maneira de pechar un ano no que o grupo consolidou a súa conexión coa xente.

Un disco que xa forma parte da paisaxe musical de 2025

Feira (Tremendo Audiovisual, 2025) non é só o segundo LP de De Ninghures: é a confirmación dunha linguaxe propia. Os sete integrantes —Adrián, Aldara, Cataqui, Hadrián, Manu Lucas, Marta e Tomé— proceden de puntos distintos do país (Arzúa, Costa da Morte, A Fonsagrada, Compostela), e esa xeografía múltiple reflíctese tanto nas voces como nas atmósferas. Traballan coa tradición popular galega dun xeito artesanal, cheo de texturas vivas e coidado milimétrico pola palabra e pola festa compartida.

Neste disco aliáronse co produtor Juan de Dios, distinguido nos I Premios da Industria Musical de Galicia coa Mellor Produción Discográfica por este traballo. Un recoñecemento que avala o salto de calidade dun proxecto que xa se fixera notar con Aquí (2022) e o éxito de Morena, premio Ari(t)mar á Mellor Música do Ano.

Un 2025 cheo de camiño, festa e futuro

Desde aquela presentación con entradas esgotadas na Sala Capitol en marzo, De Ninghures sumou máis de 40 escenarios —incluíndo paradas internacionais— e consolidouse como unha das bandas máis queridas e recoñecibles da escena galega actual. Música “cos pés na terra e os brazos abertos”, como resume a súa propia biografía : tradición posta en diálogo coa identidade latinoamericana, magrebí e co mundo enteiro que entra pola porta das feiras e das foliadas contemporáneas.

De cara ao 2026, Feira continuará viaxando polo Estado dentro do ciclo AIEnRuta, co apoio de AIE e Agadic.


DE NINGHURES – ÚLTIMAS DATAS DE 2025

  • Sábado 6 de decembro – 23.00 h
    Foliada da Fonsagrada
  • Sábado 20 de decembro – 19.30 h
    Centro Ágora (A Coruña) – Entrada libre ata completar capacidade