De Vacas celebra dez anos de traxectoria cun espectáculo sinfónico no Auditorio de Galicia

Vacanal Sinfónica estrearase o vindeiro 28 de decembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, ás 20:30 horas, como unha proposta moi especial coa que De Vacas conmemora o seu décimo aniversario. As entradas esgotáronse poucos días despois de saír á venda, confirmando o forte vínculo do grupo co seu público e a expectación xerada arredor deste novo formato.

O espectáculo supón unha revisión sinfónica dos grandes éxitos do grupo, nun diálogo pouco habitual entre a música orquestral e o chamado universo vacún. Para esta ocasión, De Vacas preséntase cun gran formato escénico que inclúe as 50 voces do Coro da Ra, baixo a dirección de Ramón Bermejo, ademais dun cuarteto de cordas e un cuarteto de ventos. Os arranxos musicais corren a cargo do compositor Lucas Rei, responsable de dar forma a este sorprendente encontro entre a tradición coral, a música clásica e a identidade sonora do grupo.

De Vacas nace no ano 2015 como un proxecto formado por tres voces e unha guitarra, apostando desde o inicio pola reinterpretación de cancións en diferentes idiomas a través de harmonías vocais coidadas e unha posta en escena recoñecible. As integrantes do grupo son Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández, coñecidas tamén como a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia.

Ao longo destes dez anos, De Vacas foi construíndo unha identidade propia baseada no feminismo, a poesía, a inspiración nas divas do pop, o amor pola lingua galega, a irreverencia e o humor, elementos que atravesan todo o seu repertorio e que explican a conexión xerada cun público diverso.

Na súa traxectoria destacan dous grandes espectáculos, “Tour Vacanal” e “Rebovina Divas Live”, cos que ofreceron centos de concertos por toda Galicia e por distintos puntos da Península, actuando en cidades e territorios como Madrid, Valencia, Euskadi, Murcia, Cataluña, Andalucía, Asturias, Castela e León e tamén en Portugal.

Vacanal Sinfónica preséntase así non só como unha celebración do camiño percorrido, senón tamén como unha mostra da capacidade de De Vacas para repensar o seu propio universo artístico, abríndoo a novos formatos sen perder a súa esencia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *