Como se o cancioneiro do último álbum de mariagrep fose secuestrado por algún habitante anónimo dunha cova agochada na deep web, MARIAGREP IS NOT A CRIME —co que iniciabamos o ano o pasado 24 de xaneiro— atopa agora o seu reverso máis tenebroso nesta nova versión, máis lenta, máis densa e profundamente reverberada.
Baixo o título “⚘✯¸.•´¨• mariagrep is not a crime (slowed + reverb) ⚘✯¸.•´¨•”, a artista mergúllase no seu propio repertorio para reformulalo desde outros códigos emocionais e sonoros. Un exercicio de autoapropiación que dialoga directamente coa cultura dixital que habita plataformas como SoundCloud, TikTok ou YouTube, onde proliferan versións ralentizadas, aceleradas ou deformadas de cancións xa coñecidas, como se cada tema puidese ter múltiples vidas paralelas.
Se no disco orixinal mariagrep reflexionaba sobre as derivas e os perigos da noite, pero tamén sobre como habitar esa hiperconsciencia fráxil entre a festa e a felicidade, aquí esas ideas escurecen e expándense. As cancións respiran doutra maneira: máis pesadas, máis introspectivas, case suspendidas no tempo, como ecos que chegan desde un lugar máis profundo e menos complacente.
Con cadencias que se moven entre a dark wave e o post-punk, pero tamén con achegamentos ao dub e ao hyperpop máis espectral, esta versión funciona tanto como peche consciente dun ciclo como xesto artístico en si mesmo. mariagrep decide despedir MARIAGREP IS NOT A CRIME no mesmo ano da súa publicación, marcando ela mesma o punto final, sen deixalo en mans do algoritmo nin da inercia do mercado.
Un epílogo escuro e deliberado que, ao mesmo tempo, funciona como antesala do novo proxecto musical no que a artista estará inmersa de cara a 2026.

