Rebeliom do Inframundo afronta 2026 sen baixar o volume nin a cabeza. A banda galega vén de publicar “Sube” (Galunk Producións), o primeiro sinxelo do que será o seu próximo álbum, previsto para os primeiros meses do ano que vén. Un tema que funciona como aviso e como retrato: aquí hai malestar, hai rima afiada e hai unha vontade clara de sinalar quen aperta e quen afoga.
Nados nas rúas e nos locais de ensaio de Galicia, Rebeliom leva máis dunha década facendo da música unha trincheira colectiva. Sen artificios nin campañas impostadas, o seu percorrido constrúese dende abaixo, co respaldo dun público que entende as cancións como propias. Non é casualidade que no último ano esgotasen entradas en espazos como a Sala Capitol de Compostela, cunha resposta masiva que confirma o momento de solidez creativa e social no que se atopa o grupo.
“Sube” é un berro compartido. Unha crítica directa ás desigualdades estruturais e ao avance dun capitalismo cada vez máis feroz, que non só precariza, senón que abre a porta a discursos reaccionarios cada vez máis normalizados. Rebeliom transforma ese contexto en palabra e ritmo, canalizando a rabia sen perder o pulso colectivo nin a identidade.
Musicalmente, o tema mantén esa mestura tan recoñecible da banda: rap hardcore e electrónica dialogando coas raíces galegas, coa forza dunha cultura que resiste e se reinventa. A canción chega acompañada dun novo videoclip, estreado o 11 de decembro na canle oficial do grupo, reforzando esa idea de comunidade e mensaxe compartida.
Formado por Nervo, Malvares, Frank Huxley, Busto e DJ Pol, Rebeliom do Inframundo segue entendendo a música como unha ferramenta política e emocional. Dende Caladas Reflexivas ata Amor ou Barbárie, pasando por Lume ou Ilegal, o grupo medrou sen renunciar ao seu discurso nin á súa ética.
“Sube” xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Non é só un adianto dun disco: é a constatación de que Rebeliom continúa aí, firme, poñendo palabras ao que moita xente sente e non sempre sabe como dicir.

