The Rapants estreará Rapants Club o 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar

O Multiusos Fontes do Sar acollerá o sábado 28 de marzo a gran inauguración de Rapants Club, a estrea en directo do novo álbum de The Rapants. As entradas sairán á venda este venres 16 de xaneiro ás 12:00 horas a través da plataforma Ataquilla.

A banda muradá escolle Santiago de Compostela, a súa cidade de adopción, para presentar en sociedade o seu cuarto LP, un traballo que marca un novo punto de inflexión na súa traxectoria. Rapants Club, que verá a luz tamén no mes de marzo, amosará unha evolución sonora clara: máis risco, máis xogo estilístico e letras que se permiten zonas máis escuras, sen renunciar á identidade que converteu ao grupo nun dos fenómenos máis celebrados da música galega recente.

No novo disco seguirán moi presentes o baile, as guitarras frenéticas, os retrousos memorables e ese romanticismo directo que conecta coa súa xeración, agora envoltos nunha proposta máis aberta e ambiciosa.

A inauguración do Rapants Club promete ser unha gran festa da música en directo en Galicia. Alegría, pogos, bo rollo e ese “intenso tráfico aéreo” tan recoñecible no seu imaxinario daranse cita na pista do Sar, nun evento que conta co apoio do Concello de Santiago. Será tamén unha noite para agradecer —con “jrasias por confiar”— o camiño compartido cunha comunidade de seguidores que non deixou de medrar.

Este concerto supón, ademais, a apertura dunha nova etapa no directo da banda, despois de dous anos especialmente intensos, marcados por concertos multitudinarios e fitos como o dobre sold out na Sala Capitol coa estrea de La máquina del buen rollo, disco que lles valeu o Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego 2024.

Despedida de La máquina del buen rollo

Antes da presentación oficial de Rapants Club, The Rapants porán fin á xira de La máquina del buen rollo o 28 de febreiro en Bruxelas, no marco do Festival Emigrason, unha cita moi especial para a banda e da que xurdiu o tema Rue Franklin. Previamente, actuarán en Zaragoza (6 de febreiro) e Bilbao (7 de febreiro), dentro da programación de Inverfest e Negufest, respectivamente. Tres datas fóra de Galicia antes dun regreso a Compostela chamado a ser histórico.


PRESENTACIÓN RAPANTS CLUB

Data: 28 de marzo de 2026
Lugar: Multiusos Fontes do Sar (Santiago de Compostela)
Apertura de portas: 19:00 h
Entradas: á venda o 16 de xaneiro ás 12:00 h en Ataquilla.com

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *