Sara Faro e María SOA veñen de anunciar nas súas redes sociais o lanzamento, cuxo primeiro sinxelo poderá escoitarse o 30 de xaneiro.
Regresan Fillas de Cassandra. O dúo vigués vén de confirmar, a través dun vídeo publicado esta mañá nas súas redes, que este 2026 verá a luz o seu segundo LP, titulado Tertúlia.
Producido por Çantamarta xunto ás propias Fillas de Cassandra, Tertúlia formúlase como un convite á desobediencia tranquila: nun tempo marcado pola fragmentación da comunidade, sentar a falar, escoitar e compartir convértese nun acto profundamente político. O disco constrúese a partir de conversas, chamadas, pensamentos en voz alta, cortes, repeticións, voces que se superpoñen e tamén risas. Son materiais cotiáns que se atopan e se mesturan desde a proximidade, evocando espazos de encontro, confesión e celebración colectiva.
O álbum, previsto para a primavera e con colaboracións destacadas, supón un novo paso adiante na traxectoria do dúo. Un traballo arriscado e incisivo no que amplían o seu universo instrumental e estiran os límites da súa característica sonoridade percutiva. A electrónica contemporánea, a experimentación vocal e o xogo coas harmonías —liñas xa presentes no EP Hibernarse— conviven aquí cunha escrita directa, afiada e chea de intención.
O primeiro adianto de Tertúlia poderá escoitarse a partir do 30 de xaneiro nas principais plataformas dixitais. O sinxelo chegará acompañado dun videoclip rodado en Vigo, dirixido por Santi Iglesias, Sergio Steel e polas propias Fillas de Cassandra, seguindo a liña da peza audiovisual compartida hoxe polo grupo nas súas redes.

