Zavala vén de publicar Corvo Negro, o primeiro adianto do que será o seu próximo traballo discográfico, editado por Ferror Records. O single, dispoñible dende este 16 de xaneiro, confirma unha evolución sonora decidida e unha vontade clara de mirar á realidade que nos rodea sen edulcorantes.
Musicalmente, Corvo Negro móvese nun terreo especialmente suxestivo: bases electrónicas densas, guitarras distorsionadas e unha pulsión rítmica insistente que empurra a canción cara adiante sen perder nunca o seu carácter pop. Hai ecos case industriais na textura do tema, pero sempre integrados cunha naturalidade que evita o exceso e pon a canción —a melodía, o pulso, a intención— no centro de todo. É un tema tenso, firme, que avanza coma un mantra incómodo, máis hipnótico que agresivo.
Pero se o son atrapa, é a letra a que realmente crava o peteiro. O corvo negro funciona aquí como metáfora dun poder voraz que todo o quere acaparar: recursos, territorio, futuro. A través dunha serie de preguntas e reproches, Zavala apunta directamente a quen está detrás das eólicas, das madereras, das explotacións que medran en Galicia mentres o custo ambiental e social recae sempre sobre as mesmas costas. Unha crítica clara á lóxica extractiva que converte o común en negocio e o país nunha materia prima máis.
Corvo Negro é, así, unha canción que incomoda con elegancia. Sen panfletos nin consignas baleiras, Zavala consegue transformar a indignación en discurso artístico, mantendo o equilibrio entre forma e contido. Un adianto potente que deixa entrever un disco atento ao seu tempo, ás súas feridas e ás súas contradicións, e que reafirma ao grupo como unha das propostas máis interesantes da escena galega contemporánea.

