PVXARRA reivindica quedar con ‘MARCHA (MARCHA)’ e súmase á familia LACRE

Hai frases que se repiten tanto que acaban funcionando como dogmas. “Como non vas marchar á capital a buscar traballo do teu? Aquí non hai nada”. PVXARRA parte xusto desa idea para poñela contra as cordas. ‘MARCHA (MARCHA)’ é un novo golpe directo que transforma esa presión social nun relato colectivo e nunha canción de urxencia.

O tema nace da experiencia vital de tres amigos criados no pobo, coa convicción de que o desenvolvemento persoal e creativo non ten por que pasar por abandonar o lugar onde un é feliz. Fronte ao relato hexemónico que empurra a marchar, PVXARRA posicionase desde a permanencia, desde a idea de quedar e facer comunidade. Un xesto que é emocional, cultural e tamén político.

O retrouso funciona como unha conversa interna que moitas persoas recoñecerán. A negativa a marchar (“nun queremos marchar d’equí”), a voz que insiste en que fóra están as oportunidades (“marcha d’equí nun hai quien medre”) e, finalmente, o baleiro que aparece cando xa é tarde (“marcha de mi la mio identidá nun tien sentíu n’esta ciudá”). A canción non ofrece solucións sinxelas, pero si unha postura clara.

No plano sonoro, ‘MARCHA (MARCHA)’ volve situar a PVXARRA nese espazo limítrofe que dominan con naturalidade. Hardcore, electrónica, rap cru, drum & bass e punk conviven sen xerarquías, atravesados por un pulso físico e insistente. A produción de Ferla Megía actúa como columna vertebral, coa precisión de Argu ao baixo —vello compañeiro de batalla en Casetes— e a voz de Cosme ao fronte, directa e sen pedir permiso.

A propia dualidade do título resume ben a proposta. Marcha como promesa dunha cidade supostamente vibrante, pero tamén como orde implícita para abandonar. Nese xogo encaixa o sample de Dark la Eme, un aceno que reforza a idea de que, vinte anos despois, moitas dinámicas seguen intactas.

PVXARRA non responde a unha lóxica de laboratorio nin a estratexias prefabricadas. A súa identidade constrúese a partir do tempo compartido, dunha reflexión constante sobre o son e dunha atención especial ao peso da mensaxe. Referentes como Death Grips, Califato 3/4, IDLES ou Aphex Twin aparecen como ecos, nunca como moldes pechados.

Tras un 2025 de sementeira con singles incendiarios e o impacto inicial de ‘TIESLO TOU (NUN QUIES NA)’, o proxecto foi medrando á vista de todas. As colaboracións, como a realizada cos seus irmáns de DESANICIU, axudaron a consolidar un son que é rabia e reivindicación. Este cuarto lanzamento marca tamén un punto de inflexión: a incorporación oficial de PVXARRA á familia LACRE, xunto a proxectos como De Fem, La Rate Timide, Llevólu’l Sumiciu e o propio Ferla Megía.

Máis alá dunha canción concreta, ‘MARCHA (MARCHA)’ confirma o excelente momento dunha escena asturiana diversa, crítica e con identidade propia. Tras un ano de construción paso a paso, 2026 preséntase como o curso no que PVXARRA dará forma ao seu primeiro LP.

Próxima data

  • Oviedo · 7 de febreiro de 2026 · Lata de Zinc · SEMANDO FEST

Unha nova oportunidade para comprobar que quedar tamén é unha maneira de avanzar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *