Tres anos separan refugio do novo disco de abrigo, e nese tempo o proxecto vigués foi desprazando o seu centro de gravidade. the things we do for love, que verá a luz o venres 30 de xaneiro, funciona como un diario emocional no que a electrónica deixa de ser un espazo de recollemento para abrirse a un territorio máis físico, nocturno e compartido.
O álbum constrúese arredor de cinco temas que abordan o amor e a perda dende unha mirada consciente das súas contradicións. Non hai aquí grandes xestos nin dramatismos gratuítos, senón unha exploración honesta das emocións que aparecen cando nos expoñemos ao outro. Esa intención reflíctese tamén na música, cun son que se achega á electrónica de club: percusións con maior presenza, ritmos en movemento constante, síntese que guía o discurso e samplers vocais que funcionan como fragmentos dunha voz interior.
A mestura corre a cargo de Rotce (Montedapena, Lontreira) e a masterización de Joel Krozer no estudo Six Bit Deep de Copenhague, un traballo técnico que reforza a tensión entre pulsión corporal e densidade emocional. O resultado é un disco pensado tanto para a escoita individual como para o encontro colectivo, onde a pista de baile tamén pode ser un lugar para a introspección.
Esta dobre lectura completarase coa presentación en directo do sábado 31 de xaneiro na Iguana Club. abrigo levará ao escenario un formato que incorpora proxeccións visuais, ampliando o universo do álbum e reforzando a súa dimensión sensorial. A cita será ás 22:30 horas, cunha entrada única de 5 euros dispoñible na porta.

