Este venres 17 de abril chega Medrar, o primeiro álbum do dúo ABRIL, formado por Claudia Abril e Marina Carpente. Un traballo que entra na escena galega dende unha idea moi concreta: construír un lugar onde a tradición transfórmase.
O disco articúlase en nove pezas nas que conviven cancións xa coñecidas como Nas horas avelaíñas ou 2caras con novos títulos como Marañas, Arredor da mesa ou (Outro) Tempo. A súa base parte de recollidas da tradición oral en puntos como Cotobade, Mondariz, A Fonsagrada ou Malpica, traballadas a partir de arquivos e investigacións de figuras como Xisco Feijóo, Xandre Outeiro ou Guillerme Ignacio.
Ese material pasa por un proceso de reinterpretación que define o son de ABRIL: pandeireta, violín e voces que dialogan cunha produción contemporánea, na que a electrónica entra sen romper o pulso orgánico. A produción corre a cargo de Zalo Rodríguez, coa mestura de Hevi en Laboratorio Soyuz, reforzando esa idea de equilibrio entre raíz e presente.
Medrar tamén se constrúe dende o colectivo. Participan músicas e músicos como Juan Arca (Lontras), Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco, mentres que o universo visual e escénico amplía o disco cara a unha experiencia máis ampla: Marte Martinka e Miguel Méndez (Fotomatong) na narrativa visual, Laura Iturralde e José Faro ‘Coti’ na escenografía, e Sara Castro no deseño.
O proceso de creación atravesa espazos como os estudios Ancestral de Isaac Millán en Pontecaldelas e o Pazo de Mariñán, dentro das residencias creativas da Deputación da Coruña. Ese tempo de cocción lenta percíbese nun álbum que entende o crecemento como algo compartido, ligado ás redes afectivas e ao coidado.
A saída do disco acompáñase dunha escoita pública este mesmo venres en Vigo, no espazo Nononon.lab, ás 19:00 horas. Un encontro aberto con inscrición previa no que o dúo presentará o proxecto e compartirá o seu proceso creativo nun formato máis próximo.

