Furada converte a palabra nunha abrupta ferida electrónica no seu debut

O dúo formado por Adrián Riveiro Rodríguez e Pablo Gómez Portas son os piares de Furada, grupo que presenta un primeiro álbum homónimo editado por Ferror Records que entende o post punk como unha ferramenta poética, política e emocional, afastada da simple nostalxia estética coa que tantas veces se recicla o xénero.

O proxecto comezou case por intuición, nun encontro arredor da exposición “Mariñeira” de Begoña Arce no Café Uf! de Vigo. A conexión entre ambos naceu falando de literatura antes que de música: Blake, Nietzsche, Rimbaud, Pizarnik ou a poesía latinoamericana funcionan aquí como parte estrutural do proxecto. Dende aí empezou a construírse unha proposta que conecta o post punk eslavo contemporáneo de bandas como Molchat Doma ou Ploho coa tradición poética galega e coa memoria emocional do territorio.

O resultado é un disco atravesado pola tensión entre máquina e víscera. Caixas de ritmos, sintetizadores e distorsións conviven cunha maneira de entender a composición máis inmediata, case impulsiva, buscando preservar o primeiro impacto emocional da creación. Nese proceso tamén aparecen referencias moi distintas, dende Joy Division ata Radio Océano, pasando pola performatividade crúa de Sleaford Mods ou o caos escénico de Viagra Boys.

Pero Furada non se queda nun exercicio de influencias. O disco ten unha identidade moi concreta. Nos temas aparecen versos de Lois Pereiro e Xela Arias, ademais dunha conexión directa cos movementos sociais e culturais vigueses a través de figuras como Xandra Táboas.

Tamén hai unha vontade simbólica moi forte arredor do nome do proxecto. Furada remite tanto ás pinturas rupestres de Pedra Furada no Brasil como á Pena Furada de Coirós e á figura da Moura, conectando o disco cunha idea de ventre, memoria e continuidade ancestral. Non é casual tampouco a elección da portada: unha fotografía de Delmi Álvarez das protestas veciñais contra Telanosa en Redondela no ano 1986. Unha imaxe de conflito social e dignidade colectiva que encaixa perfectamente co ton do álbum.

“Furada” editarase en vinilo en setembro de 2026 e confirma a aparición dunha desas bandas que entenden o underground como un espazo cultural vivo e non como unha pose. Nun contexto onde moitas veces a estética pesa máis ca mensaxe, o dúo galego escolle precisamente o contrario: colocar a palabra, a tensión e a emoción no centro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *