A artista viguesa LAW continúa construíndo unha das propostas máis singulares da nova escena galega con Prometeo na cidade, un EP conceptual de catro cancións no que a mitoloxía clásica convive coa ansiedade contemporánea, a música de raíz e a electrónica máis ritual. O novo traballo, editado por Galunk Producións, utiliza a figura de Prometeo como fío narrativo para falar da velocidade das cidades, da desconexión emocional e da necesidade de recuperar espazos de pausa e comunidade.
O proxecto está formado por “Mañá De Domingo”, “Prometeo Na Cidade”, “Unha Premonición” e “Lévame A Ese Lugar”, catro pezas conectadas entre si que funcionan case como capítulos dunha mesma historia. LAW relaciona cada tema cun episodio do mito do titán que roubou o lume aos deuses para entregárllelo á humanidade, facendo evolucionar tamén o propio son do EP, dende a desnudez acústica inicial ata unha produción máis expansiva e electrónica no tramo final.
Hai algo especialmente interesante no xeito no que Prometeo na cidade conecta dous mundos que ás veces parecen afastados dentro da música galega actual. Por unha banda, a tradición oral, as percusións e os ritmos populares; pola outra, unha mirada urbana marcada pola electrónica, o psytrance ou as texturas electro-orgánicas.
“Mañá De Domingo”, primeiro adianto do traballo, parte dunha estrutura minimalista de voz e guitarra xunto a Darío Pérez para reflexionar sobre o estrés e a culpa asociada ao descanso. Pola súa parte, “Prometeo Na Cidade” incorpora ecos de samba, rumba e world music para retratar unha sociedade acelerada incapaz de parar incluso diante da luz. O EP medra en intensidade con “Unha Premonición”, unha peza ritual e intuitiva que explora vínculos emocionais desequilibrados, antes de desembocar en “Lévame A Ese Lugar”, seguramente o momento máis arriscado do proxecto. Unha fusión entre psytrance, muiñeira e xota que funciona como unha chamada cara un espazo simbólico de liberación.
Ese diálogo entre tradición e experimentación tamén nace da propia biografía da artista. Antes de desenvolver o seu proxecto actual, LAW formou parte do grupo de pandereteiras As Lumieiras, na parroquia viguesa de Coia. Unha experiencia que reaparece agora filtrada por unha visión contemporánea e aberta á fusión.
Producido por Rotce (Héctor Rodríguez Rodríguez) (Montedapena), Prometeo na cidade reafirma a identidade dunha artista que leva anos trazando un camiño persoal dentro da escena galega. Despois do recoñecemento acadado co EP O Esencial, gañador do Maketón dos 40 Principais ao mellor disco galego, LAW continúa afastándose das fórmulas previsibles para construír unha proposta conceptual, física e emocional, onde o ancestral e o urbano deixan de parecer mundos separados.
O lanzamento chega acompañado de visualizers para cada canción e dun videoclip para “Lévame A Ese Lugar”, dirixido por Izan Mínguez, cunha estética escura e minimalista que reforza o imaxinario do mito de Prometeo a través do lume, as cadeas ou a presenza da aguia.

