Tras analizar, por conta propia, arredor de 626 contratacións en 22 festivais galegos de 2026 obsérvase algún tipo de presenza feminina no 36,1 % da programación. A cifra redúcese a un índice ponderado de 25,3 puntos cando se teñen en conta o liderado artístico, a importancia do escenario e a posición dentro do cartel.
Durante os últimos anos, a presenza das mulleres nos festivais entrou de forma intermitente na conversa pública. En determinados momentos semellou converterse nunha preocupación real para a industria musical. Xurdiron compromisos coa paridade, campañas para transformar as programacións e unha maior atención mediática sobre a composición dos carteis.
Aquel impulso axudou a facer visible un problema que levaba décadas normalizado. Tamén demostrou que a programación dun festival contribúe a construír a escena, reparte oportunidades e decide que artistas reciben os mellores horarios, os escenarios máis grandes e o maior investimento promocional.
O proxecto Cartografía, impulsado pola Asociación Mujeres de la Industria de la Música, ofrece un punto de partida fundamental. Os primeiros resultados do terceiro Estudo de Xénero e Diversidades da Industria Musical en España analizan unha mostra de 145 festivais e ciclos. As mulleres representan unicamente o 22 % dos artistas programados e apenas o 17 % dos eventos acada o equilibrio 60/40 cando se contabilizan exclusivamente propostas femininas. MIM presenta esta investigación como unha ferramenta para coñecer a situación das profesionais nos distintos territorios e facilitar políticas que amplíen a súa contratación e visibilidade.
O artículo que aquí se presenta parte dunha pregunta complementaria: teñen realmente o mesmo peso todas as formas de presenza feminina dentro dun festival?
Unha advertencia necesaria
Este traballo non pretende ser un estudo académico nin ofrecer unha medición definitiva da presenza feminina nos festivais galegos. Trátase dunha análise divulgativa construída a partir da información pública dispoñible, dos carteis, das formacións coñecidas e da posición que ocupa cada proxecto dentro da programación. Pode conter erros derivados da falta de datos actualizados, do descoñecemento sobre a composición exacta dalgunhas bandas e da dificultade para identificar quen participa realmente en determinadas xiras, colectivos e agrupacións numerosas. A ponderación empregada responde a un criterio propio e transparente, pensado para introducir matices nun reconto que acostuma reducirse a contar nomes. O obxectivo é ofrecer unha visión accesible para subliñar o problema, abrir a conversa e preguntarnos que lugar ocupan realmente as mulleres dentro dos festivais.
Contar nomes non explica todo o cartel
O método máis sinxelo consistiría en revisar cada festival e marcar todas as propostas nas que participa algunha muller. Esa operación produciría unha cifra fácil de comunicar, aínda que bastante limitada para comprender o funcionamento real do circuíto.
Pensemos nun cantante masculino acompañado en directo por catro homes e unha muller. Existe contratación feminina e esa música merece ser recoñecida. O nome que aparece no cartel, a carreira que gaña exposición, a autoría principal e boa parte do caché pertencen ao solista.
A situación cambia cando atopamos unha banda cunha vocalista que compón, participa na dirección artística e representa publicamente o proxecto. Aínda que haxa máis homes dentro da formación, o liderado feminino resulta claro.
Tamén atopamos bandas cunha distribución creativa compartida, colectivos tradicionais, proxectos integramente femininos, sesións de DJ situadas en zonas periféricas e artistas programadas a primeira hora en escenarios pequenos.
Introducir toda esa diversidade dentro dunha única categoría denominada «bandas con mulleres» pode ofrecer unha imaxe demasiado optimista. Un festival profundamente masculinizado podería achegarse a unha suposta paridade grazas a unhas poucas instrumentistas integradas en proxectos dirixidos por homes.
Por esa razón, esta análise utiliza unha ponderación gradual.
Unha ponderación para medir presenza, liderado e xerarquía
A escala parte da idea de que cada forma de participación debe quedar rexistrada, aínda que non todas reciben o mesmo valor.
| Categoría | Valor | Que representa |
|---|---|---|
| Cabeza de cartel feminina | 1,25 | Proxecto feminino situado na máxima posición promocional |
| Proxecto feminino | 1 | Solista, banda feminina e proposta cuxa identidade central pertence a mulleres |
| Proxecto mixto con liderado feminino | 0,8 | Formación mixta encabezada artística e publicamente por unha muller |
| Proxecto mixto con liderado compartido | 0,7 | Formación na que mulleres e homes comparten de maneira significativa a identidade artística |
| Proxecto feminino en escenario terciario | 0,6 | Proposta feminina situada nunha franxa, espazo e escenario de menor visibilidade |
| Grupo mixto en escenario terciario | 0,4 | Formación mixta programada nunha zona periférica |
| Proxecto mixto con liderado masculino | 0,3 | Banda con integrantes femininas estables cuxo centro artístico continúa sendo masculino, ainda que as mulleres aparecen nas imaxes promocionais |
| Proxecto masculino con músicas de acompañamento | 0,1 | Solista e proxecto masculino que incorpora mulleres na súa formación de directo |
A cabeza de cartel recibe 1,25 puntos porque a súa importancia supera a mera participación. Encabezar un festival significa aparecer na zona superior da comunicación, actuar nunha franxa central e converterse nun dos principais reclamos do evento. Esa posición xera atención mediática, recoñecemento público e mellores condicións para futuras contratacións. Converténdose en grandes referentes para que nenas, rapazas ou mulleres decidan adicarse á música.
O proxecto feminino recibe un punto e funciona como valor de referencia. Nesta categoría entran solistas, bandas formadas por mulleres e propostas cuxa identidade pertence claramente a unha creadora, aínda que a súa formación de directo inclúa músicos homes.
Os proxectos mixtos divídense segundo o liderado. Unha banda encabezada por unha cantante, compositora e principal figura pública recibe 0,8 puntos. Unha formación cunha dirección artística compartida recibe 0,7. Unha banda con algunha muller estable dentro dunha estrutura principalmente masculina queda en 0,3, sempre e cando esta muller forme parte da imaxe promocional da formación.
A posición dentro do festival tamén importa. Unha artista non perde a súa identidade ao actuar a primeira hora nun escenario pequeno. Perde visibilidade, capacidade de convocatoria dentro do evento. Por iso os proxectos femininos en espazos terciarios reciben 0,6 puntos e as bandas mixtas nesa mesma zona quedan en 0,4.
O último nivel recoñece o traballo das músicas contratadas por proxectos masculinos. A súa participación representa emprego, experiencia profesional e visibilidade escénica. Esa presenza non converte en feminino o proxecto anunciado.
626 contratacións repartidas entre 22 festivais
A mostra reúne 22 festivais galegos e 626 posicións de cartel. Fálase de posicións e contratacións porque un mesmo proxecto pode aparecer en varios eventos. Por exemplo, Fillas de Cassandra actuando en tres festivais xera tres contratacións, aínda que siga sendo un único proxecto artístico.
Dentro desas 626 posicións, 226 conteñen algún tipo de presenza feminina.
A presenza bruta alcanza así o:
[36,1%]
En termos sinxelos, algo máis dunha de cada tres propostas programadas conta con mulleres.
A suma de todas as puntuacións alcanza 158,45 puntos. Ao dividila entre os 626 postos analizados obtemos un índice ponderado de 25,3 puntos por cada cen proxectos.
Este índice non representa a porcentaxe de mulleres presentes fisicamente sobre os escenarios. Tampouco equivale a unha medición directa da paridade. Expresa o peso da presenza feminina despois de ter en conta a identidade do proxecto, o seu liderado e a súa posición dentro do festival.
A distancia entre o 36,1 % bruto e os 25,3 puntos ponderados mostra que unha parte importante das mulleres aparece en escenarios secundarios, dentro de bandas lideradas por homes e en propostas cuxa identidade principal continúa sendo masculina.
Como se distribúen as 226 aparicións
| Categoría | Aparicións | Porcentaxe de toda a programación | Porcentaxe da presenza feminina |
|---|---|---|---|
| Cabezas de cartel femininas | 17 | 2,7 % | 7,5 % |
| Proxectos femininos | 67 | 10,7 % | 29,6 % |
| Mixtos con liderado feminino | 15 | 2,4 % | 6,6 % |
| Mixtos con liderado compartido | 20 | 3,2 % | 8,8 % |
| Proxectos femininos en escenarios terciarios | 43 | 6,9 % | 19 % |
| Grupos mixtos en escenarios terciarios | 24 | 3,8 % | 10,6 % |
| Mixtos con liderado masculino | 24 | 3,8 % | 10,6 % |
| Masculinos con músicas de acompañamento | 16 | 2,6 % | 7,1 % |
| Total | 226 | 36,1 % | 100 % |
A presenza feminina existe. O seu acceso ás zonas de maior poder continúa sendo bastante menor.
Quince dos 22 festivais carecen dunha cabeza de cartel feminina
Só sete eventos da mostra contan con algunha cabeza de cartel feminina:
O Son do Camiño, PortAmérica, Morriña Fest, Big Sound, As Revenidas, Osa do Mar e Festival de la Luz.
Os outros quince festivais, máis de dous terzos da mostra, non inclúen ningunha proposta dentro desta categoría.
A cabeceira concentra o maior poder simbólico do cartel. Marca quen recibe a principal campaña publicitaria, quen aparece en letras grandes e que artistas son presentados como capaces de atraer público. É dicir, un festival pode incorporar numerosas mulleres durante a tarde e manter intacta a súa xerarquía masculina nas horas centrais de maior afluencia e atención.
O índice dos 22 festivais
Este resultado non debe entenderse como unha clasificación moral. Os eventos teñen tamaños, orzamentos, xéneros musicais e modelos moi diferentes. Unha soa contratación pode transformar a porcentaxe dun festival pequeno. Un cartel de cen nomes necesita cambios moito máis amplos para modificar a súa posición.
| Festival | Presenza bruta | Índice ponderado |
|---|---|---|
| Noroeste Estrella Galicia | 46,7 % | 38,4 |
| Big Sound | 36,4 % | 38,2 |
| SonRías Baixas | 40% | 31,4 |
| As Revenidas | 35 % | 30,8 |
| O Son do Camiño | 52,4 % | 30,5 |
| FIV de Vilalba | 50 % | 30 |
| Castelo Rock | 41,7 % | 30 |
| PortAmérica | 37,5 % | 28,7 |
| Festival de la Luz | 31,7 % | 28 |
| Galicia Fest | 37,5 % | 27,1 |
| Festival de Ortigueira | 48,1 % | 25,9 |
| Osa do Mar | 40 % | 24,5 |
| 17º Ribeira Sacra | 37,5 % | 23,8 |
| Rompetiño Fest | 22,7 % | 22,7 |
| Surfing the Lérez | 33,3 % | 22,6 |
| Morriña Fest | 19 % | 21,4 |
| Carrilanas | 35,7 % | 21,4 |
| Nachiños Fest | 40 % | 20 |
| Caudal Fest | 31,6 % | 18,4 |
| Ouren Sound Fest | 45,5 % | 15,5 |
| Resurrection Fest | 24 % | 14,6 |
| Atlantic Fest | 26,7 % | 14 |
A táboa axuda a observar como se reparte a presenza feminina dentro de cada festival.
Noroeste Estrella Galicia: o mellor índice da mostra
O festival coruñés reúne 45 proxectos, dos cales 21 contan con presenza feminina. A súa porcentaxe bruta alcanza o 46,7 % e a súa puntuación total chega a 17,3 puntos.
O índice ponderado sitúase en:
[38,4]
É o resultado máis alto dos 22 festivais, lixeiramente por riba dos 38,2 puntos do Big Sound.
A fortaleza do Noroeste atópase na natureza da súa representación. Non depende principalmente de integrantes femininas inseridas en proxectos masculinos. Unha parte moi ampla corresponde a propostas con identidade feminina e liderado artístico relevante.
Proxectos femininos
O festival inclúe dez:
Law, Pamela Rodríguez, Catuxa Salom, Anna Andreu, Bala, La Perra Blanco, Mounqup, Mari Froes, Sés e Ana Lúa Caiano.
Proxectos mixtos con liderado feminino
Aparecen tres:
Agoraphobia, Sprints e Banda DiversidArte ft. Silvia Penide & La Sophie Simonds Band.
Proxectos mixtos con liderado compartido
Contabilizáronse catro:
Dorian, Xosé Lois Romero & Aliboria, Bomba Estéreo (que poderíamos considerar cabeza de cartel) e Vicente Calderón.
Proxectos femininos en espazos terciarios
A programación de DJ do Portiño engade tres nomes:
Sofie Peries, Saya DJ e La Yaya DJ.
Proxecto mixto con liderado masculino
Zënzar completa a presenza contabilizada nesta categoría.
En conxunto, 17 dos 21 proxectos con mulleres pertencen ás catro categorías de maior centralidade. O 81 % da representación feminina do Noroeste posúe unha identidade feminina, un liderado feminino e unha dirección compartida sen a penalización dos escenarios terciarios.
Ademais, Bala, Sprints, Sés e Bomba Estéreo forman parte da programación da praia de Riazor. A presenza feminina alcanza así o escenario de maior capacidade do festival e non queda confinada aos espazos periféricos. Desde esa perspectiva, o resultado do Noroeste resulta especialmente positivo. A representación feminina é ampla, chega a escenarios importantes e está integrada en proxectos cun peso artístico real.
Big Sound: menos cantidade e moita centralidade
Big Sound pasa a ocupar a segunda posición, con 38,2 puntos.
A súa presenza bruta queda no 36,4 %, bastante por baixo do 46,7 % do Noroeste e do 52,4 % de O Son do Camiño. O seu bo resultado procede da parte superior do cartel.
María Becerra, Nathy Peluso e Ana Mena aparecen como cabezas de cartel. Mafalda Cardenal, Yami Safdie, Natalia Lacunza e Rager contabilízanse como proxectos femininos.
O festival demostra que a porcentaxe bruta conta unha parte da historia. Unha programación pode reunir menos proxectos con mulleres e concederlles unha centralidade moito maior.
O Son do Camiño: a maior presenza bruta, concentrada en escenarios pequenos
O Son do Camiño presenta a porcentaxe bruta máis alta da mostra:
[22 / 42 = 52,4,%]
Katy Perry e Lola Índigo figuran como cabezas de cartel. Leire Martínez aparece como proxecto feminino. Linkin Park (tamén cabeza de cartel) e The Molotovs entran dentro do liderado compartido aplicado na base.
A parte máis numerosa chega a través do escenario terciario, focalizado exclusivamente na electrónica. Doce proxectos femininos atópanse nesa zona: Aida Blanco, Bárbara Lago, Bego Martín, Carlita, Hoonine, DJ Gigola, HoneyLuv, Paramida, HAAi, Perel, Supergloss e Viviana Casanova.
Máis da metade da presenza feminina do festival concéntrase en espazos de menor xerarquía. O 52,4 % bruto remata convertido nun índice de 30,5 puntos.
Hai moitas mulleres. O seu acceso ós escenarios principais resulta bastante máis reducido.
As Revenidas e SonRías: unha base feminina ampla
As Revenidas acada 30,8 puntos cunha presenza feminina ampla e ben repartida. Fillas de Cassandra e Sara Hebe ocupan a cabeceira, mentres Nadie González, Süne, Kumbia Queers, Malifeta, Queen Rendi, As do Xeito e De Vacas reforzan a representación nas distintas capas do cartel.
SonRías chega aos 31,4 puntos cun modelo algo diferente. Unha escenario principal moi masculinizado, agás Zahara e, por baixo, aparecen Hoonine, Alizza, Gara Durán, Rager e Cool Nenas, configurando unha base numerosa de proxectos con identidade feminina, pero todas actuando no escenario máis pequeno do festival.
Os dous festivais obteñen resultados semellantes por camiños distintos. As Revenidas combina diversidade e presenza nas posicións máis altas. SonRías constrúe unha representación extensa, aínda moi concentrada na zona media do cartel.
Este contraste resulta especialmente útil para observar o posible estancamento dalgúns proxectos. A presenza pode medrar en número sen traducirse automaticamente nun acceso máis amplo ás cabeceiras e aos espazos de máxima visibilidade.
Morriña Fest: pouca cantidade e gran visibilidade
Morriña Fest ofrece un dos resultados máis peculiares.
Só catro dos seus 21 proxectos teñen presenza feminina, un 19 %, a porcentaxe bruta máis baixa da mostra. Dous deses nomes, Young Miko e Belén Aguilera, aparecen como cabezas de cartel. Marlena e Deer Jade completan o reconto como proxectos femininos.
A representación é escasa e ocupa posicións importantes. O índice ponderado sobe ata os 21,4 puntos e supera o de festivais con moitos máis nomes que inclúen mulleres.
O seu cartel mostra que a centralidade non compensa a falta de amplitude. Tamén demostra que unha presenza bruta alta pode ocultar a ausencia de figuras principais.
Cantidade e xerarquía precisan analizarse conxuntamente.
Ouren Sound Fest: un 45,5 % que cambia ao observar a estrutura
Ouren Sound Fest presenta cinco proxectos con presenza feminina dentro dunha programación de once nomes. A porcentaxe bruta alcanza un chamativo 45,5 %.
A composición desa cifra modifica a lectura.
Abril aparece nun escenario terciario. La Duendeneta figura como grupo mixto dentro dun espazo de menor xerarquía. Alcalá Norte e Niña Polaca clasifícanse como proxectos mixtos con liderado masculino. Carlos Ares incorpora músicas de acompañamento dentro dunha proposta masculina.
O índice baixa ata os 15,5 puntos.
Case a metade dos proxectos ten algunha muller. Ningún aparece como cabeza de cartel, proxecto feminino central, liderado feminino ou liderado compartido.
É un dos exemplos máis claros da necesidade de mirar máis alá da porcentaxe bruta.
Resurrection Fest: moitos nomes dentro dun cartel enorme
Resurrection Fest conta con 24 proxectos con presenza feminina, a cifra absoluta máis alta da mostra.
A súa programación contén cen propostas, de maneira que eses 24 nomes representan unicamente o 24 %. O índice ponderado queda en 14,6 puntos.
Non aparece ningunha cabeza de cartel feminina. A maior parte dos proxectos femininos e liderados por mulleres concéntrase en Ritual, Desert e Chaos, mentres o escenario principal mantén unha composición marcadamente masculina.
A escala do festival xera unha sensación de abundancia. Hai bastantes bandas con mulleres porque existen cen postos dispoñibles. A proporción e a xerarquía mostran unha realidade moito menos equilibrada.
Atlantic Fest: unha presenza limitada e pouco central
Atlantic Fest presenta catro proxectos con presenza feminina dentro dun cartel de quince nomes.
Triángulo de Amor Bizarro e Nadadora entran como formacións mixtas con liderado compartido. Aiko el Grupo aparece nun espazo terciario. Carlos Ares contabilízase como proxecto masculino con músicas de acompañamento.
Non hai ningunha cabeza de cartel feminina nin un proxecto feminino situado nas categorías centrais. A súa presenza bruta é do 26,7 % e o seu índice ponderado queda en 14 puntos, o máis baixo da mostra.
A representación non pode converterse nunha casa por marcar
Unha programación diversa non se constrúe mediante unha única cabeza de cartel feminina e varias sesións repartidas por escenarios pequenos. A repetición de fórmulas pode producir unha igualdade superficial. O festival cumpre unha cifra mínima e deixa intacta a estrutura que decide quen medra.
O circuíto necesita continuidade e renovación. As artistas que xa funcionan merecen novas contratacións e escenarios cada vez maiores. Xunto a elas deben aparecer bandas novas, creadoras de xéneros distintos e proxectos afastados dos nomes habituais. Esta ampliación esixe traballo de programación. Implica escoitar discos, acudir a salas pequenas, seguir escenas locais e asumir unha marxe razoable de risco. Tamén require abandonar a idea de que unha artista debe chegar ao festival completamente consolidada.
Os grandes nomes masculinos tampouco naceron na cabeceira. Medraron grazas a unha sucesión de oportunidades, bos horarios, campañas de promoción e confianza sostida durante varias tempadas. A igualdade implica conceder a máis mulleres as condicións necesarias para percorrer ese mesmo camiño.
Que demostra esta fotografía e que queda pendente
Os datos non permiten afirmar que exista un retroceso histórico nos festivais galegos. Para soster esa conclusión sería necesario analizar os mesmos eventos durante varios anos, conservar idénticos criterios e observar a evolución de cada categoría. Máis esta base ofrece unha fotografía de 2026 á pregunta inicial que buscaba coñecer cantas mulleres aparecen nos festivais galegos.
Os datos conducen cara a unha cuestión máis profunda: que capacidade teñen esas mulleres para ocupar o centro do cartel e avanzar dentro do circuíto.
Unha artista situada na cabeceira recibe unha proxección moi distinta á dunha DJ programada durante a apertura. Unha vocalista que dirixe a súa banda ocupa unha posición diferente á dunha instrumentista contratada por un solista masculino.
Todas merecen recoñecemento. A estatística necesita reflectir as súas diferenzas.
A mostra deixa unha conclusión clara. As mulleres están presentes nos festivais galegos, aínda que a súa relevancia no cartel continúa sendo limitada. Aparecen en algo máis dunha de cada tres posicións e o seu peso ponderado achégase a unha de cada catro. Menos dunha de cada cinco propostas combina identidade feminina, liderado feminino e liderado compartido dentro das categorías centrais.
A industria aprendeu a incorporar mulleres aos carteis. Aínda ten pendente repartir con maior equilibrio os horarios, os escenarios, o investimento promocional e a posibilidade de converterse en cabeza de cartel.
O seguinte avance necesita máis nomes e mellores posicións.
Tamén necesita que máis artistas poidan percorrer toda a escaleira.

