Sila Lua vén de presentar Soldadito, un novo sinxelo no que afonda nalgunhas das liñas emocionais e simbólicas que atravesan a súa obra: a fraxilidade humana, a tensión entre os ideais e a realidade, a violencia e as contradicións dos sistemas de poder. A canción chega despois da publicación do seu segundo álbum, Danzas de Amor y Veneno (2025).
Nacida en Vigo, criada en Madrid e formada en Produción Musical na University of Westminster de Londres, Sila Lua consolidouse como unha das voces máis singulares da escena alternativa estatal. A súa música móvese entre a electrónica, o pop experimental, o hip hop e certa pulsión orgánica que dialoga coa tradición dende unha mirada moi persoal. Ao longo da súa traxectoria pasou por festivais como Mad Cool, O Son do Camiño, The Great Escape, Iceland Airwaves ou ESNS, e recibiu recoñecementos como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Música Urbana por ROMPE.
En Soldadito, a artista constrúe o retrato dun mozo militar que abandona a súa casa convencido dunha misión nobre e remata enfrontándose ao peso moral da violencia e da obediencia cega. A canción, producida xunto a Mumbai Moon e Pau Aymí, aposta por unha narrativa cargada de simbolismo e por unha produción de grande intensidade emocional.
A peza cuestiona os relatos heroicos que aínda sosteñen determinadas formas de poder e despraza o foco cara ás persoas que quedan atrapadas entre as promesas dunha causa e as consecuencias reais dos seus actos. Dende aí, Sila Lua abre unha reflexión sobre a culpa, o desencanto e a fragilidade das conviccións humanas cando entran en contacto coa violencia.
O lanzamento chega acompañado dun videoclip dirixido por Mikel Godoy e rodado nas aforas de Bilbao. A proposta audiovisual amplía o universo da canción e reforza algunhas das súas imaxes centrais, ligadas á obediencia, á perda de inocencia e ás marcas que deixan os relatos construídos dende o poder.
A publicación de Soldadito coincide tamén cunha data especial para a artista. O domingo 21 de xuño, Sila Lua actuará no Festival Acento, un evento de acceso gratuíto que terá lugar na terraza da SGAE, no Parque de Vista Alegre de Santiago de Compostela. Para esta ocasión, a compositora galega estreará unha formación inédita creada expresamente para este concerto: un trío de cordas sumarase á proposta electroacústica coa que adoita xirar xunto á multiinstrumentista Greta Ch’aska.
Con esta nova formación, Sila Lua amplía as posibilidades expresivas dun repertorio que sempre transitou entre o orgánico e o electrónico. Soldadito confirma esa capacidade para transformar a canción nun territorio narrativo e cinematográfico, onde a emoción non aparece como adorno, senón como unha forma de mirar de fronte aquilo que moitas veces queda oculto detrás das grandes palabras.

