Baiuca e Carlos Ares unen os seus universos en “Noitada”, un himno noctámbulo para o verán

Baiuca e Carlos Ares veñen de presentar “Noitada”, unha nova canción que cruza os imaxinarios de dous dos nomes máis importantes da música galega recente. O sinxelo funciona como punto de encontro entre a electrónica de raíz, o pop alternativo e unha pulsión nocturna que mira directamente á celebración, ao rito e a esa forma tan galega de entender a festa como algo que tamén pode ser espiritual.

A colaboración chega nun momento especialmente significativo para ambos. Por unha banda, Baiuca continúa ensanchando as marxes da súa propia linguaxe, ese territorio no que a tradición galega dialoga coa electrónica, o club, o pop e as músicas populares sen quedar nunca reducida a unha postal folclórica. Pola outra, Carlos Ares, unha das grandes revelacións do pop alternativo dos últimos anos, asina con “Noitada” a súa primeira canción en galego, abrindo unha nova vía expresiva dentro dunha traxectoria cada vez máis recoñecible.

En “Noitada” conviven ecos de reggae, dub, folktrónica e pop contemporáneo, pero o máis interesante está na forma na que a canción consegue non diluír a personalidade de ningún dos dous artistas. Baiuca achega esa capacidade para converter a raíz en materia bailable, hipnótica e ritual; Carlos Ares suma unha sensibilidade melódica que fai que o tema avance con vocación de himno, de canción destinada a quedar pegada á memoria durante as longas noites do verán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *