AWY sitúanse nun punto de cambio. Ante o éxito de Tinho, tras o seu paso por Operación Triunfo, prodúces unha renovación da banda que abre unha nova dirección. O proxecto reorganízase e comeza a definirse con outras coordenadas, máis enfocadas ao presente.
“Si tú vas” funciona como primeira peza desa transición. A canción abandona parte do rastro máis próximo ao punk pop co que viñan traballando para entrar nun territorio máis electrónico, máis directo e orientado ao corpo. é un tema pensado para activarse na pista de baile, pero tamén para sosterse nun concerto, deses nos que o estribillo arremete ó público para cantar todos a unha.
Nesta nova etapa son Diego e Adri quen levan o pulso da banda. A súa proposta aquí é clara: condensar enerxía, simplificar a mensaxe e apostar por unha fórmula que conecta rápido. Hai unha intención comercial evidente, pero tamén unha lectura consciente do momento actual, no que moitas bandas buscan sobrevivir entre a identidade propia e a necesidade de continuar pertencendo ás dinámicas máis amplas de consumo.
A produción de Juan Sueiro en Estudios 54 acompaña ese movemento, reforzando o carácter inmediato do tema sen perder a sensación de banda. Electrónica e guitarras conviven sen competir, construíndo un son que mira tanto ao streaming como ao directo, dous espazos que hoxe marcan o percorrido real dun proxecto.
Dende A Coruña, AWY levan anos medrando a base de concertos e presenza en escenarios de gran formato, algo que segue sendo clave nesta nova etapa. “Si tú vas” é unha declaración de intencións: un paso cara a un lugar onde a música compártese e vívese en tempo real.

