Apolo18 ficha por Raso Studio e comeza a consolidarse como unha das grandes promesas do rock alternativo galego

O selo Raso Studio anunciou a incorporación de Apolo18 ao seu roster, nun movemento que reforza a sensación de que algo se está activando arredor das bandas de guitarras na escena galega actual. O quinteto, que tamén traballará xunto a Lapiscina na parte de management e contratación, leva meses converténdose nun deses nomes que circulan de boca en boca entre salas pequenas, recomendacións e escoitas compartidas.

Nun contexto musical cada vez máis dominado por proxectos individuais, cancións curtas e retrousos marcados pola búsqueda da viralidade, apolo18 representa case unha anomalía xeracional. Unha banda entendida como unidade creativa, sonora e emocional. Cinco persoas construíndo unha identidade común dende o ruído, a intensidade e a fisicidade das guitarras. E precisamente aí reside boa parte do seu atractivo.

As súas primeiras cancións publicadas, como cousas que non quero oír, cinza, incidente12 ou a dupla salitre e mansdesangre, deixan ver un proxecto que bebe do shoegaze, o noise ou o grunge. As capas de guitarras, os ambientes densos e distorsinados e a tensión melódica funcionan máis como unha maneira de transmitir emocións que como simple estética sonora. Hai unha procura constante de atmosferas, impacto físico e vulnerabilidade dentro do caos.

Todo iso ademais acontece en galego, algo que nos últimos anos está permitindo que moitas bandas novas constrúan discursos propios sen necesidade de adaptar o seu imaxinario a códigos máis estandarizados da industria estatal. No caso de apolo18, esa decisión encaixa tamén coa sensación de proximidade e autenticidade que desprende o proxecto.

O fichaxe por Raso Studio semella confirmar que a banda está preparada para dar un paso máis na súa evolución. Pero tamén funciona como síntoma dun momento máis amplo. Porque arredor de grupos así non só aparecen cancións: aparece escena. Volve haber conversación arredor das bandas, das influencias compartidas, dos directos intensos e desa cultura de guitarras que durante anos quedou máis agochada dentro do underground.

Nun ecosistema musical moi condicionado polo algoritmo e a fragmentación, proxectos como apolo18 devolven certa idea de pertenza colectiva. E iso, probablemente, sexa unha das cousas máis valiosas que lle poden pasar agora mesmo á música alternativa galega.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *