A programación do Underfest Xacobeo segue collendo forma cunha das propostas máis singulares e ambiciosas da música contemporánea estatal. Maria Arnal actuará o vindeiro 31 de outubro na Sala Capitol nunha cita que suporá a estrea en Galicia do seu novo espectáculo “AMA”, unha das montaxes máis comentadas dos últimos meses tras o seu paso polo Sónar.
A artista barcelonesa chega ao Underfest cun proxecto que expande aínda máis os límites do directo convencional. “AMA” combina voz, danza e intelixencia artificial nun formato escénico que coloca o corpo e a memoria no centro da experiencia. O espectáculo, desenvolvido xunto ao laboratorio islandés Intelligent Instrument Lab e o Barcelona Supercomputing Center, constrúe un diálogo entre polifonía tradicional, voces sintéticas e movemento escénico a través de quince cancións inéditas.
Maria Arnal leva anos consolidándose como unha das creadoras máis inquedas e respectadas do panorama estatal, movéndose entre a experimentación electrónica, o avantpop e as músicas de raíz. O seu traballo tamén se expandiu cara ao cinema e a danza contemporánea, colaborando en proxectos ligados ao coreógrafo Marcos Morau e compondo bandas sonoras como a de Polvo Serán, recoñecida nos Premios Gaudí.
Coa confirmación de Maria Arnal, o Underfest continúa reforzando unha identidade cada vez máis afastada das dinámicas repetitivas dos grandes festivais. Mentres boa parte da industria continúa xirando arredor dos mesmos nomes e formatos, o festival vigués mantén unha programación construída dende a singularidade, apostando por artistas internacionais e propostas pouco habituais nos circuítos galegos. Unha filosofía que explica que, edición tras edición, o público siga respondendo mesmo antes de coñecer o cartel completo.
O concerto de Maria Arnal súmase ás xa anunciadas actuacións de JET, Hoodoo Gurus e St. Paul & The Broken Bones nunha novena edición que volverá contar co apoio de Concertos do Xacobeo, Rías Baixas Fest e SON Estrella Galicia.

