High Paw abre unha nova etapa na súa carreira coa presentación da súa primeira banda estable, reforzando a dimensión colectiva do proxecto. A artista viguesa leva anos construíndo un universo propio entre o reggae, o hip hop, o R&B e os ritmos caribeños, mais agora dá un paso importante ao trasladar toda esa mestura a un formato de grupo pensado para potenciar o directo e ampliar os límites da súa proposta sonora.
A nova formación está integrada por Zalo Rodríguez (Lontras) nas teclas, Decsus (Daydream Sessions) na batería, Brais Iriarte (LeBarLuthier) no baixo eléctrico e Laura Mercy (Dakidarría) nos coros. Xunto a High Paw conforman unha banda que aposta por sintetizadores, graves contundentes e unha posta en escena inmersiva que conecta tradición urbana e espírito de soundsystem cunha mirada contemporánea.
Esta nova etapa xa botou a andar cunha pequena xira de salas en Galicia. O percorrido comezou o pasado abril na Sala Rebullón de Mos e continuou en Cambados na Krazzy Kray. As próximas datas levarán a banda ata Ponteareas e Viveiro, onde compartirán escenario con ünder e Diego Flâneur en La Conservera. O formato sala funciona tamén como unha maneira de probar e consolidar este novo directo antes da chegada da tempada de festivais, na que High Paw xa ten confirmada a súa presenza no festival californiano Dub’n The Creek.
O novo EP da artista, A Braña, chegará ao longo deste 2026 e servirá como carta de presentación desta evolución artística. O traballo nace arredor dunha idea conceptual que mestura territorio, identidade e transformación. Para High Paw, “a braña” representa un espazo ambiguo, un lugar de tránsito onde a lama non é firme pero si sostén. Un ecosistema simbólico no que habita Ra Velenosa, o seu alter ego como MC, e dende o que continúa desenvolvendo un discurso atravesado pola irreverencia, a insubmisión e a procura constante de novos rexistros sonoros.
Con case dúas décadas de traxectoria e colaboracións con artistas como Manu Chao, Wöyza, Dios Ke Te Crew ou Ortiga, High Paw continúa ampliando unha proposta que conecta Galicia coas músicas urbanas e caribeñas dende unha identidade propia, crítica e aberta ao movemento.

