Apenas uns meses despois do seu debut en directo, Flora comeza a deixar a sensación de estar diante dunha desas bandas que nacen cunha ambición pouco habitual para a súa idade. O proxecto lucense, formado por músicos de entre 16 e 18 anos, continúa dando pasos dentro do circuíto galego cunha serie de concertos que os levarán por Sarria, Lugo e A Coruña nos próximos meses.
A banda naceu a comezos de 2025 cando Nuno Basanta e Antón Paz empezaron a reunirse para tocar versións e improvisar nunha casa rural familiar. A partir desas primeiras sesións foi tomando forma unha proposta que acabaría completándose coa entrada de Martina Olivieri, Arón Fernández e Antón Fernández Cancela. Dende entón, flora foi construíndo o seu universo creativo ensaiando nun humilde garaxe vinculado á banda Islabikini, espazo onde comezaron a desenvolver as súas primeiras composicións propias.
O seu debut chegou o pasado 19 de decembro na Sala Jagger de Lugo compartindo cartel con Beach Avenue e Crowded, unha primeira toma de contacto que abriu a porta a novas datas e á consolidación dun directo que busca intensidade, contraste e personalidade. O grupo define o seu son como metal alternativo, aínda que a súa proposta se move con naturalidade entre territorios moi diversos: dende o shoegaze ou o midwest emo ata o metalcore, o nu metal, o funk ou certas influencias da música clásica.
Nesa mestura aparecen referencias xeracionais moi recoñecibles como Deftones, Slowdive, Radiohead ou Linkin Park, pero tamén outras máis ligadas ao progresivo, ao hardcore contemporáneo ou á emocionalidade melódica de proxectos como American Football. Unha combinación pouco frecuente dentro da escena galega máis nova e que encaixa cun momento onde moitas bandas emerxentes están volvendo apostar polo concepto de grupo, polos ensaios colectivos e pola construción dunha identidade propia máis alá da inmediatez das plataformas.
O propio nome de flora nace dunha referencia singular: o Concerto para piano Op.67 “Memo Flora” do compositor xaponés Takashi Yoshimatsu, peza que acabou influíndo nunha sinfonía que Antón Paz tiña en mente compor antes incluso da formación definitiva da banda.
As próximas oportunidades para velos en directo serán o 28 de xuño no Club Clavicémbalo de Lugo e o 24 de xullo na Sala Filomatic da Coruña, dous concertos nos que flora seguirá poñendo a proba unha proposta que, malia atoparse aínda nunha fase inicial, xa deixa ver unha personalidade sonora especialmente definida para unha banda tan nova.

