Silee atravesa un dos momentos máis importantes da súa traxectoria. Despois de colocar “Milajros de Amil” no posto 18 da lista das 50 cancións máis virais de España en Spotify, o artista bueuense publica “Orballo”, un novo sinxelo que funciona como celebración, pausa e exercicio de honestidade emocional.
A canción chega nun contexto de crecemento evidente para o proxecto. “Milajros de Amil” camiña xa cara ao medio millón de reproducións e converteu a Silee nun dos nomes máis comentados da música en galego deste 2026. O tema entrou nunha lista compartida con artistas internacionais como Quevedo, Olivia Rodrigo, The Chemical Brothers ou Michael Jackson, facendo de Silee o terceiro artista que consegue introducir unha canción en galego nesa clasificación este ano, despois de LG1DO e The Rapants.
“Orballo” recolle precisamente ese instante de cambio. A través dunha cumbia construída dende a autoprodución, Silee abre unha fiestra aos seus medos, á súa perseveranza e á sensación de estar vivindo algo difícil de asumir en tempo real. A canción nace como un agradecemento a todas as persoas que acompañaron o seu camiño dende o principio, mais tamén como unha maneira de deter o ruído arredor do éxito para escoitar o que queda dentro.
O proceso creativo reforza esa dimensión artesanal e persoal. O propio artista construíu a base empregando un garfo e un prato, aos que sumou sintetizadores ata atopar unha textura que lle abriu o camiño á letra. Primeiro chegou a música, logo a emoción. Ese xesto define a intuición case doméstica, a procura rítmica e unha maneira moi propia de levar xéneros como a cumbia ou a bachata cara ao seu territorio.
O lanzamento chega acompañado dun videoclip dirixido polo propio Silee e gravado entre Bueu e Aldán por Ángela Gestido, Christian Arcos e el mesmo. A peza audiovisual continúa esa vontade de construír un universo propio dende preto, coa vila e a contorna como parte activa da identidade do proxecto.
Dende os seus comezos en 2023, Silee publicou dous EPs e un álbum, consolidando unha traxectoria marcada pola inquietude creativa e pola autoprodución. Agora prepara un novo traballo discográfico en galego, previsto para este ano, do que xa coñecemos “Milajros de Amil”, “Bruxa Curuxa” e este novo “Orballo”.
Nun momento no que a música en galego está atopando novas formas de circulación, especialmente entre públicos novos e espazos dixitais, Silee aparece como unha das voces que mellor entende esa conexión entre raíz, frescura e linguaxe contemporánea. O seu éxito non nace só dunha viralidade puntual, senón dunha maneira de facer que mira cara adiante sen perder de vista o lugar dende o que parte.

