Osa do Mar 2026 reafirma o seu instinto para adiantar as futuras promesas da industria musical

Osa do Mar converteuse co paso dos anos nun deses festivais que parecen entender a escena un pouco antes ca o resto. Sen necesidade de macrocartaces nin dunha dimensión desmedida, foi construíndo unha personalidade moi concreta arredor dunha idea de festival cómodo, humano e honesto, onde o importante segue estando na música, no ambiente e na sensación de descubrir artistas no momento exacto. Hai algo moi particular na súa capacidade para programar proxectos que aínda están medrando pero que poucos meses despois acaban explotando a nivel estatal. Case como un pequeno termómetro do que vai acontecer ao ano seguinte.

O cartel de 2026 volve funcionar nesa dirección. Fillas de Cassandra, Ginebras e The Rapants aparecen como os grandes nomes chamados a atraer máis público, nunha edición que ademais continúa apostando por unha presenza feminina moi visible e por unha programación bastante paritaria, algo que segue sen ser tan habitual como debería dentro dos festivais. Todo iso acompañado dunha aposta fortísima pola música galega e en galego, convertendo Osa do Mar nun espazo moi representativo do momento cultural que vive actualmente Galicia. Tamén poderemos disfrutar do directo de DePedro que segue xogando noutra liga pola súa calidade e sensibilidade escénica, mentres Ortiga continuará levando esa idea de verbena contemporánea que xa forma parte da identidade da música galega recente.

Entre os nomes do cartel tamén aparecen artistas que probablemente estean a piques de dar un salto importante. Un caso clarísimo é o de Rata, unha banda que ten moitas papeletas para colocar o seu debut entre os discos do ano en 2026 e que seguramente chegue a 2027 nun momento de auténtica eclosión. Nesa mesma liña de crecemento exponencial aparece Sobrezero, unha desas bandas que semellan avanzar a unha velocidade enorme nos últimos meses. E arredor deles segue habendo proxectos dunha calidade dificilmente discutible como Gara Durán ou La Milagrosa, capaces de ampliar o cartel cara lugares máis delicados, emocionais ou atmosféricos sen perder coherencia.

A parte máis urbana, híbrida e experimental do festival tamén deixa pistas moi interesantes sobre cara onde pode moverse a escena galega nos próximos anos. Xosé Maseda, West Srk e Eris Mackenzie representan propostas moi distintas entre si, pero conectadas por unha sensación de risco e personalidade que encaixa perfectamente coa filosofía histórica do festival. Porque probablemente aí estea a verdadeira clave de Osa do Mar: máis que seguir tendencias, leva anos axudando a intuílas antes de que rematen converténdose en fenómeno.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *