O Xoán converte o caos mental e a liberdade afectiva nun ritual drag en ‘Fállame a chola’

O Xoán estreou este 19 de maio o videoclip de Fállame a chola, unha peza visual que amplía o universo do seu recente single de pop electrónico en galego a través dunha estética camp, emocional e performativa. Tras presentar o tema no escenario de Los40 Pop Santiago, o artista continúa desenvolvendo unha proposta que conecta música, identidade e expresión artística nun momento especialmente simbólico ás portas do Mes do Orgullo.

Fállame a chola fala do desexo, da contradición e desa presión constante por encaixar dentro do esperado. A canción parte dunha frase utilizada historicamente como sinalamento ou reproche para darlle completamente a volta e transformala nun acto de afirmación persoal. O Xoán reaprópiase desa expresión para convertela nunha declaración de liberdade afectiva e identitaria.

O videoclip leva esa idea cara un territorio visual entre o humor, o exceso e a vulnerabilidade. A peza está coprotagonizada por seis drag queens galegas —Moira Lutar, Yasmine Lutar, Syndra, Liteah, La Kristopher e Ashley Ferreira— que acompañan ao artista nunha especie de viaxe de transformación persoal onde o performativo funciona tamén como espazo de resistencia e celebración.

A presenza das drags conecta ademais cunha escena galega cada vez máis visible e híbrida, vinculada á música, á performance e ás novas linguaxes culturais. Fállame a chola non só funciona como videoclip musical, tamén como reivindicación doutras maneiras de ocupar espazo, construír identidade e vivir con menos medo ao xuízo externo.

O lanzamento chega ademais poucos meses despois de que O Xoán recibise o Premio Mestre Mateo a Mellor Actor polo seu papel como Castelao en Antes de Nós. Un contraste artístico que, lonxe de resultar contraditorio, retrata unha Galicia contemporánea capaz de convivir coa memoria, coa tradición e coas novas formas de expresión cultural sen complexos nin fronteiras ríxidas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *