Bad Gyal regresará este sábado 23 de maio ao Coliseum da Coruña para presentar ao vivo Más Cara, o seu segundo álbum de estudo e un dos lanzamentos máis comentados do pop urbano estatal neste 2026. A cita, que será a única parada galega da artista dentro da súa nova xira mundial, está a piques de pendurar o cartel de entradas esgotadas.
O concerto arrancará ás 22:00 horas, coa apertura de portas prevista para as 20:30, nun Coliseum que volverá converterse nun dos grandes puntos de encontro da música en directo en Galicia. A artista catalá chega á Coruña despois de encher recintos como o Palau Sant Jordi de Barcelona, o Movistar Arena de Madrid, o Roig Arena de Valencia ou o Arena Miribilla de Bilbao, consolidando un momento de enorme dimensión popular e mediática.
Dende os seus primeiros lanzamentos, Bad Gyal conseguiu construír unha identidade propia dentro da música urbana, mesturando dancehall, reggaetón, electrónica e pop latino cunha personalidade visual e sonora moi recoñecible. Un fenómeno que transcende as cifras —máis de 30 discos de platino e 10 de ouro— para situarse tamén como referencia estética e cultural dunha xeración que entende a música urbana como linguaxe global.
Tras o impacto de La Joia en 2024, disco co que xa visitara o Coliseum da Coruña hai dous anos, Más Cara amplía aínda máis o universo creativo da artista. O novo traballo revisita os sons que marcaron a súa formación musical dende unha produción máis ambiciosa e internacional, acompañada de colaboracións con nomes como Ozuna, Chencho Corleone, De La Rose, Maureen ou 8Belial.
A actuación deste sábado será tamén unha mostra do peso que teñen actualmente os grandes directos urbanos nos recintos galegos, nun contexto onde artistas capaces de mover públicos masivos e construír imaxinarios propios seguen redefinindo a relación entre música, moda, redes e espectáculo.
As últimas entradas continúan dispoñibles a través da plataforma DICE.

