Belém Tajes vén de publicar «Santa Ferreña», un novo sinxelo que funciona como ponte entre a tradición popular galega e novas formas de exploración sonora. A canción chega coincidindo coa celebración da romaría de Carboeiro e convértese nunha homenaxe tanto á patroa do lugar como aos históricos encontros de música tradicional que marcaron xeracións de persoas arredor desta celebración.
Neste novo tema, a artista afonda nos ritos herdados, nas crenzas populares e neses pequenos xestos cotiáns que manteñen vivo o vínculo co simbólico e co ancestral. O resultado é unha peza que mira cara ao pasado sen caer na nostalxia, reivindicando a tradición como un espazo vivo e en constante transformación.
No apartado musical, «Santa Ferreña» constrúese sobre unha combinación de sintetizadores e instrumentos de percusión tradicional como pandeiretas, peneiras e canas. As harmonías vocais e os discretos efectos de vocoder contribúen a crear unha atmosfera envolvente que desemboca nun precioso retrouso.
A publicación de «Santa Ferreña» supón o primeiro adianto dunha nova etapa creativa para Belém Tajes. Tras o lanzamento do seu debut de longa duración, Amar o Mar, a artista continúa ampliando o seu universo sonoro nun territorio onde conviven a canción de autora, o folk contemporáneo e unha sensibilidade próxima ao pop experimental.
Mentres tanto, Belém Tajes seguirá defendendo o seu repertorio en directo ao longo dos próximos meses, cun calendario que inclúe actuacións en Vimianzo, Ortigueira, Santiago de Compostela, Monção e Lugo, entre outras citas pendentes de anunciar.

