The Jesus and Mary Chain, Fat Dog, The Mystery Lights e Triángulo de Amor Bizarro encabezan o OUR FEST 2026

OUR FEST xa pon nomes á súa quinta edición. The Jesus and Mary Chain, The Mystery Lights, Fat Dog, The Dream Syndicate, Triángulo de Amor Bizarro e Germán Salto forman o primeiro avance dun cartel que volverá levar a Expourense distintas xeracións do rock alternativo o próximo sábado 19 de setembro.

As seis confirmacións manteñen unha das liñas que o festival ourensán foi definindo desde o seu nacemento en 2022: facer convivir artistas fundamentais das últimas décadas con bandas contemporáneas e propostas de carácter máis persoal que non sempre pasan polos grandes circuítos galegos.

Nese percorrido histórico ocupa un lugar central The Jesus and Mary Chain, unha das bandas imprescindibles para comprender a transformación do rock británico desde mediados dos anos oitenta. Os irmáns Jim e William Reid construíron arredor do ruído, as melodías pop e unha actitude deliberadamente incómoda un son que deixou unha pegada profunda no indie rock, o noise pop e boa parte da música alternativa posterior.

A conexión co pasado continúa con The Dream Syndicate, formación encabezada por Steve Wynn e vinculada á escena Paisley Underground de Los Ángeles. A banda converteuse durante os oitenta nun dos nomes de referencia do rock alternativo estadounidense grazas a unha proposta que recuperaba a electricidade e as guitarras do rock dos sesenta desde unha perspectiva afastada das tendencias dominantes daquela década.

O presente chega representado con especial forza por Fat Dog, unha das bandas británicas que máis atención concentraron nos últimos anos grazas a uns directos de enorme intensidade e unha música difícil de encerrar nun único territorio. Punk, electrónica, post-punk e unha pulsión case de rave chocan nas súas cancións para construír unha proposta que aposta pola experiencia física do concerto.

Tamén desde Estados Unidos chegarán The Mystery Lights, formación asentada en Nova York que recupera a enerxía do garage rock e a psicodelia dos sesenta sen limitarse ao exercicio de nostalxia. O seu son cru e inmediato encaixa especialmente nun cartel no que as guitarras e o directo aparecen como principais fíos condutores.

A representación galega recaerá en Triángulo de Amor Bizarro, unha das bandas fundamentais para entender a evolución da música alternativa feita en Galicia durante as últimas dúas décadas. Desde a publicación do seu debut en 2007, o grupo construíu unha obra recoñecible arredor do ruído, a tensión melódica e unhas letras que atravesan conflitos persoais, sociais e políticos. A súa presenza en Expourense reforza ademais a conexión entre o carácter internacional de OUR FEST e unha escena galega que hai tempo deixou de necesitar complexos fronte aos grandes nomes chegados de fóra.

Germán Salto completa este primeiro avance desde unha posición diferente. A súa música mira cara ao power pop, o pop orquestral e a tradición estadounidense da canción, introducindo unha maior vocación melódica nunha programación dominada inicialmente polas diferentes ramificacións do rock alternativo.

Cinco edicións construíndo unha identidade

OUR FEST alcanza en 2026 a súa quinta edición despois de converter Expourense nunha parada pouco habitual para artistas internacionais que historicamente tiveron unha presenza limitada nos escenarios galegos. Desde 2022, polo festival pasaron bandas como Primal Scream, Suede, Belle and Sebastian, Teenage Fanclub, Happy Mondays, Kula Shaker, Metronomy ou Mercury Rev, xunto con nomes como Baxter Dury, Jake Bugg, Miles Kane, Shame ou Yard Act.

O festival mantén para este ano a fórmula coa que foi construíndo a súa identidade: unha soa xornada, un recinto cuberto e unha programación concentrada arredor dos concertos. Fronte á tendencia crecente cara aos macrofestivais e aos carteis cada vez máis extensos, OUR FEST apostou desde a súa creación por unha escala máis reducida e por unha selección de artistas cunha liña estilística recoñecible.

A pasada edición reuniu arredor de 3.000 persoas en Expourense e coincidiu cunha ocupación hoteleira próxima ao 90 % na cidade. A organización reivindica tamén esa capacidade do festival para atraer público procedente do resto de Galicia, doutros puntos do Estado e do norte de Portugal, facendo da cita unha ferramenta máis de dinamización cultural e turística para Ourense.

A quinta edición conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e dentro dos Concertos do Xacobeo, ademais da colaboración da Deputación de Ourense, vinculada ao festival desde a súa primeira edición.

As entradas para OUR FEST 2026, que se celebrará o sábado 19 de setembro en Expourense, continúan á venda a un prezo de 40 euros máis gastos de xestión a través da web oficial do festival e de Ataquilla.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *