O Underfest volve ás salas de Vigo con Beth Orton, Electric Six e Cloud Nothings

O Underfest Xacobeo celebrará a súa novena edición en Vigo do 13 ao 15 de novembro, cunha programación que reúne soul, folk, rock alternativo, garage e electrónica en diferentes salas e espazos culturais da cidade. Beth Orton, Cloud Nothings, Electric Six e St. Paul & The Broken Bones figuran entre os principais nomes dunha cita que combina traxectorias consolidadas, proxectos por descubrir e presenza galega.

Organizado por Sweet Nocturna, o festival mantén un formato que invita a percorrer Vigo de concerto en concerto, coas salas como parte esencial da experiencia. A proximidade entre artistas e público e a curiosidade por propostas menos habituais nos carteis son dous dos seus principais atractivos. Unha aposta que dá visibilidade aos espazos que sosteñen a música en directo na cidade e amplía a oferta musical do outono.

A programación confirmada para o venres 13 inclúe a Ed Harcourt na biblioteca do Real Club Náutico, Cloud Nothings na Kominsky, Opus Kink na Ocean e MAQUINA. na Doppler. A xornada permitirá achegarse ao rock dos estadounidenses Cloud Nothings, á mestura de punk, jazz e sección de ventos dos británicos Opus Kink e á intensidade do trío lisboeta MAQUINA., que traballa coa repetición do krautrock, o ruído e os ritmos industriais.

O sábado 14, Electric Six levarán a Masterclub o seu cruzamento de rock e música disco, co humor e a desmesura que acompañan a banda de Detroit dende éxitos como «Danger! High Voltage» ou «Gay Bar». Tamén actuarán os suízos The Monsters na Ocean, coa súa combinación de garage, punk e rockabilly, e Throes + The Shine na Doppler, onde confluirán o kuduro e a electrónica.

O peche chegará o domingo 15 ás 19.00 horas no Teatro Afundación, co primeiro concerto en Galicia de St. Paul & The Broken Bones. A formación de Alabama, liderada pola voz de Paul Janeway, achegará un repertorio que parte do soul e incorpora funk, gospel e rock, cunha sección de ventos fundamental no seu son.

O cartel anunciado inclúe tamén a Beth Orton, unha das voces que conectaron o folk coa electrónica dende os anos noventa; os australianos The Gnomes, que visitarán España por primeira vez co seu beat, garage e power pop de inspiración sesenteira; e Yesteban, o proxecto en solitario do vocalista de Naive New Beaters, aberto ao pop, ao reggae e á música de baile.

A participación galega reúne tres propostas con identidades ben distintas. Os vigueses Antela, con músicos procedentes de Dois e Tulip, chegan co pop de Mosaico Novo, entre melodías de herdanza noventeira e ecos de dream pop. Tegra, o proxecto de Mariña Paz, explora as texturas, a distorsión e a electrónica minimalista. Pola súa parte, Ferris Wheel Catastrophe, nome baixo o que traballa Marcos Rivera, achégase á americana e ao folk rock contemporáneo. A distribución por días e salas destes tres proxectos, así como de Beth Orton, The Gnomes e Yesteban, seguía sen detallarse na información oficial consultada o 10 de novembro.

Os abonos completos están esgotados, ao igual que as entradas de día do sábado e as individuais de Cloud Nothings, Electric Six e MAQUINA. A web mantén á venda o abono de salas para o venres e o sábado por 55 euros máis gastos, as entradas de día do venres por 35 euros máis gastos e localidades para varios concertos. Nos recintos de menor capacidade, o acceso con abono queda suxeito ao aforo dispoñible. A información de venda pode consultarse na web oficial do festival, con enlaces a Ataquilla.

O Underfest conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e dos Concertos do Xacobeo, da Deputación de Pontevedra mediante Rías Baixas Fest e coa colaboración de SON Estrella Galicia.

ULTIMA HORA: A organización acaba de anunciar a incorporación de Rufus T. Firefly, que actuará o venres 13 de novembro no MARCO. A banda liderada por Víctor Cabezuelo e Julia Martín-Maestro chegará a Vigo en plena xira de Todas las cosas buenas, coa súa combinación de rock e psicodelia, melodías coidadas e pasaxes de intensidade instrumental.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *