Hai grupos que nunca deixan de estar aí, mesmo cando gardan silencio. Familia Caamagno é un deses nomes que funcionan como un pequeno músculo do país: cada vez que volven, reavivan esa idea de que o rock galego pode ser festa, identidade e unha maneira de explicar o mundo desde abaixo, fuxindo de artificios e da lóxica puramente mercantil que ás veces domina a industria.
O quinteto de Sigüeiro regresará a comezos do 2026 cun novo disco e un espectáculo renovado, celebrando doce anos de traxectoria a base de directos inesquecibles e himnos que xa forman parte do noso imaxinario colectivo: Romper Espagna, Surfistas nazis, Castromil… Ese tipo de cancións que se cantan sen pensar, como parte da memoria emocional dunha xeración de salas, bares e festivais pequenos.
O novo traballo conta coa produción de Raúl Pérez, responsable do estudo La Mina (Granada), unha das casas fortes do pop e o rock estatal e recentemente recoñecido nos Latin Grammy. A banda avanzará o primeiro sinxelo o 27 de novembro: “De paseo en Portugal”, un tema pop de estribillo luminoso que chega acompañado dun videoclip de animación dirixido por Xaime Miranda. Será o primeiro de tres lanzamentos antes de que o LP vexa a luz en xaneiro.
Tras o éxito de O mundo está derrotado (2024), a súa proposta volta cunha frescura que se agradece nestes tempos onde algunhas reunións de bandas parecen responder máis á oportunidade económica que á pulsión creativa. No caso de Familia Caamagno, a volta soa sincera, con vontade de ofrecer algo novo sen perder o espírito que os fixo imprescindibles: humor, electricidade, cultura popular e un xeito moi galego de entender o rock&roll.
O 2026 promete ser un ano de estrada e celebración. E poucas bandas saben converter un escenario nunha comuñón tan descomplexada e vital como eles.

