Un ano despois da publicación de Barullo, ese disco que consolidou a Baiuca como unha das voces imprescindibles da electrónica ibérica contemporánea, o produtor catoirense abre unha nova xanela creativa: a da relectura. E faino cun aliado de peso, Ale Acosta, pioneiro da fusión electrónica e figura clave do pop alternativo estatal, que transforma “PAEQB” nunha pulsación clubbing directa e muscular.
A elección non é casual. “PAEQB” foi tamén o primeiro sinal que anunciaba o universo de Barullo: unha peza que fixaba tema, rumbo e estética, e que hoxe xa funciona como un dos himnos máis celebrados da era recente de Baiuca. O remix de Acosta amplifica esa intención, levándoa a un terreo case tech-house, máis escuro, moi físico, onde o efecto hipnótico da voz e a estrutura rítmica xeran unha tracción difícil de resistir. É deses cortes que non buscan adornos: van ao gran, á pista, ao latexo.
Este é só o primeiro adianto do álbum de remixes que Baiuca publicará nas primeiras semanas de 2026, coincidindo co tramo final da súa xira Fin do Barullo. Un ano que leva ás costas case sesenta concertos por media Europa e América Latina, nominacións en premios estatais e internacionais e unha resposta popular que confirma algo que os medios especializados levan tempo sinalando: Baiuca está a exercer unha influencia real no xeito no que a música electrónica dialoga coa tradición e coa contemporaneidade.
A súa decisión de abrir Barullo a outros produtores fala tamén dun xeito honesto de entender a creación: compartir código coa escena, deixar que outras mans transformen o material e devolver á música o que é da música —esa capacidade de mutar, expandirse e reinventarse—. Nun panorama onde ás veces abunda o cálculo e escasea o risco, esta aposta súmase á liña coherente dun artista que non entende o “remate de ciclo” como unha clausura, senón como un espazo para seguir explorando.
A primeira mostra desa nova vida é este “PAEQB (Ale Acosta Remix)”, un golpe de enerxía que coloca a canción noutro plano e que abre con contundencia a porta do que está por chegar.
Fin do Barullo Tour — Datas Pendentes
- 06.12 · Fonsagrada · Foliada da Fonsagrada
- 09.01 · Madrid · La Riviera – Inverfest (SOLD OUT)
- 10.01 · Madrid · La Riviera – Inverfest
- 16.01 · Barcelona · Razzmatazz – B SERIES
- 17.01 · Zaragoza · Sala Oasis – Inverfest
- 22.01 · Glasgow (Escocia) · Celtic Connection
- 23.01 · Londres (Reino Unido) · Village Underground
- 31.01 · Valencia · Roig Arena
- 06.02 · A Coruña · Pelícano
- 13.02 · Xixón · Teatro Albéniz
- 28.02 · Bruxelas (Bélxica) · Festival EmigraSON
- 19.03 · Bilbao · Santana 27
- 20.03 · Pamplona · Zentral
- 09.05 · La Zubia · Canteras World Festival
Entradas dispoñibles en www.baiucamusic.com
(…máis datas por anunciar)

