Fillas de Cassandra abren Tertúlia cun primeiro paso narrativo… e levan a conversa ao directo

Escoller saír á fresca como primeiro adianto dun novo disco é unha decisión que chama a atención dende o primeiro momento. Tras un tempo sen publicar material novo, Fillas de Cassandra poderían optar por un tema de impacto inmediato, recoñecible ao primeiro escoito, cun punch máis evidente. O camiño que toman é outro: unha peza que non busca o golpe rápido nin o gancho comercial clásico, senón situar unha narrativa.

Porque saír á fresca soa, sobre todo, a comezo. A canción funciona como unha porta entreaberta, como ese primeiro corte dun disco que non quere explicar todo de golpe, senón marcar un ton, un espazo e unha actitude. Hai experimentación, hai capas, hai unha estrutura máis atmosférica ca explosiva. E hai, por riba de todo, intención.

Este primeiro sinxelo introduce Tertúlia, o álbum que verá a luz no mes de abril, dende unha idea moi clara: a música como lugar de encontro. A letra constrúese arredor do chamamento colectivo —“veña vente que hai tertúlia / non hai présa pero apura”— e coloca o oínte nun papel activo, convidado a entrar e a participar. Non se trata tanto de lucirse como de abrir espazo.

A nivel sonoro, saír á fresca confirma unha expansión da linguaxe creativa do dúo. As bases electrónicas experimentais gañan protagonismo e conviven cun traballo vocal coral que segue a ser unha das marcas de identidade de Fillas de Cassandra. A produción, asinada por Çantamarta xunto ás propias Sara Faro e María SOA, aposta por construír atmosfera e relato máis ca por buscar unha estrutura inmediata de canción-single.

E aquí aparece unha das claves do proxecto: o risco como decisión consciente. Fillas de Cassandra son recoñecidas por colocar sempre o discurso, a narrativa e o contexto por diante da lóxica do éxito rápido. saír á fresca encaixa perfectamente nesa maneira de facer. É unha canción que anticipa máis do que resolve, que suxire máis do que afirma, e que funciona como prólogo dun disco pensado como espazo común.

Ese concepto de Tertúlia comeza a debuxarse xa aquí: unha praza aberta, un lugar de conversa, fricción e celebración no que as voces se cruzan, se pisan e se acompañan. As voces faladas, cantadas e berradas constrúen comunidade e sitúan o proxecto nun presente moi concreto, cunha perspectiva feminista que se manifesta tanto no discurso como na propia práctica artística.

O videoclip, rodado en Vigo e dirixido polas propias artistas xunto a Santiago Iglesias e Sergio “Steel”, reforza esta idea. Nunha parada de autobús —espazo de espera e tránsito— conflúen diferentes persoas e historias, nunha escena coral na que aparecen rostros recoñecibles como Mireia Oriol, Cristina Iglesias ou Antonio Durán Morris. A imaxe funciona como metáfora do propio disco: a conversa como motor do movemento.

Saír á fresca deixa entrever tamén o universo cultural que alimenta Tertúlia, con referencias artísticas como Maruja Mallo, Tamara de Lempicka ou Gloria Fuertes orbitando arredor dun traballo que aspira a dialogar co presente dende múltiples capas. Nada soa gratuíto nin ornamental: todo apunta a unha construción de sentido a longo percorrido.

Ese espírito de encontro e diálogo terá continuidade no directo. Fillas de Cassandra presentarán Tertúlia o sábado 9 de maio no recinto feiral de Pontevedra, nun concerto especial que suporá a estrea absoluta do novo espectáculo do dúo tras un ano de ausencia dos grandes escenarios galegos. Non se trata só dunha presentación ao uso: será a primeira ocasión para ver como ese concepto de praza aberta se traduce en escena.

Segundo avanzan as propias artistas, o directo de Tertúlia xogará coa idea de sentarse de sobremesa e saír á fresca, derrubando os límites tradicionais entre escenario e público. A conversa, eixo central do disco, trasladarase tamén ao directo, tanto enriba como debaixo das táboas, cunha posta en escena renovada, unha instrumentación coidada e espazo tamén para revisar, puntualmente, algúns dos temas máis recoñecibles da súa etapa anterior, incluíndo Acrópole.

As entradas para o concerto sairán á venda o mércores 4 de febreiro ás 12.00 horas na plataforma Woutick, nun evento aberto a todos os públicos —aínda que se recomenda que as persoas menores de 16 anos acudan acompañadas— e que conta co apoio do Concello de Pontevedra.

Como primeiro adianto, o tema pode resultar desconcertante para quen agarde unha canción máis directa. Como intro dun disco, encaixa con precisión. Fillas de Cassandra volven demostrar que o seu lugar está na construción dun relato propio, mesmo cando iso implica asumir riscos. E é precisamente esa coherencia narrativa, ese ir sempre un paso por diante da comodidade, o que as fai destacar dentro da escena actual.

Tertúlia comeza aquí.