O longo de 2025 Laura LaMontagne estivo a volver á primeira liña da vangarda electrónica do país. O 2026 o estrea cun tema que marca un novo punto de inflexión no seu percorrido. SonRisas Falsas é unha peza de electropop escuro e contido, cantada en galego e inglés, na que a artista lucense transforma a experiencia da traizón e das dinámicas de poder dentro da industria musical nun relato directo, irónico e emocionalmente exposto.
A canción avanza sen rodeos cara o centro do conflito. Hai desilusión, mais tamén vontade de nomear o vivido e poñelo en orde. O regreso de Laura non busca maquillaxe nin reconciliación forzada: parte da necesidade de pechar unha etapa e recuperar unha voz propia, sen intermediarios nin ataduras.
A produción corre a cargo de Héctor Rotce (Montedapena), quen constrúe unha atmosfera tensa e minimalista, de pulsación fría, que acompaña o discurso sen edulcoralo. O diálogo entre ambos xa tiña precedentes en Cuando te voy a volver a ver (2025), e aquí acada un punto de maior madurez e contundencia, con ecos contemporáneos que remiten a certa escuridade pop de referentes internacionais como por exemplo a primeira etapa de Billie Eillish.
O lanzamento complétase cun videoclip dirixido polo cineasta e videoartista Adrián Canoura, que reforza a dimensión simbólica desta nova etapa. A peza audiovisual constrúe un espazo visual coherente coa canción, apoiándose nun equipo no que participan Aldara Pagán (axudante de dirección), Carlos Rodil (dirección de fotografía) e Juanma Lodo (vídeo analóxico) .
Entre 2019 e 2023, Laura LaMontagne desenvolveu xunto a PicoAmperio un proxecto a dúo que abriu fendas na maneira de entender o folclore galaicoportugués, revisitando cantigas medievais dende a electrónica e a poesía contemporánea. Aquel camiño tivo como culminación o disco Algo que sinalar (2022), recoñecido pola súa capacidade para dialogar coa tradición sen quedar atrapado nela.
Esta nova etapa en solitario conta co respaldo da axencia e produtora TodoTofu, e sitúa a Laura LaMontagne nun lugar distinto: máis exposto, máis consciente e tamén máis libre. SonRisas Falsas soa a ruptura, mais tamén a comezo. Queda a sensación de que aquí non se está a pedir permiso, senón a ocupar un espazo que xa lle pertence.

